marea de vigo considera urxente a aprobación do regulamento da policía local para normalizar e democratizar o servizo
Por Marea de Vigo

audio da nova:
O voceiro do GM da Marea de Vigo considera grave a situación dun servizo no que existen abertos protocolos antiacoso, ordes de mando denunciadas como arbitrarias e xa fundadas sospeitas de que se exixe unha “produtividade” en forma de multas de tráfico.
22/03/2023
Marea de Vigo sigue sen entender como en tantas lexislaturas que pasaron a cuestión da aprobación dun Regulamento da Policía Local non foi unha prioridade “porque a súa inexistencia consagrou un sistema de arbitrariedade permanente no servicio quedando as decisións de asignación de policías á emisora, reforzos, adaptación horaria á conciliación e de outras cuestións relacionadas co servizo ao único criterio da xefatura do servizo” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo”, xefatura ademais que se consigna por libre designación e non por igualdade, mérito e capacidade como mandata a lei de funcionariado público de Galicia.
Marea de Vigo urxe ao goberno local a cumprir os seus propios Plans normativos, como por exemplo o aprobado para 2022 e que contiña a aprobación deste Regulamento para o 3º cuadrimestre do ano pasado “sen que nin se iniciase nin o primeiro papel do mesmo”. Sen ese regulamento non hai ningunha garantía de funcionamento democrático no corpo e se degrada de xeito temerario o servizo e os dereitos laborais dos e das policías adscritos ao mesmo.
Rubén Pérez considera xa “invivible” a situación no servizo ante o trato desigual entre números da policía e ante a inexistencia dun Regulamento que neutralice tratos de favor ou castigos permanentes. “O propio Concello recoñecía no plan normativo que o regulamento era urxente xa que con esta normativa se podía regular a estrutura e organización do cadro de persoal, o seu funcionamento, réximes estatutarios, formación,…” un ano despois nin se publicou o borrador do texto na web do concello para consultas previas (feito que tiña que facerse no primeiro cuadrimestre do 2022) nin existe ningún informe proposta que poida ser discutido e presentado.
Marea de Vigo lembra que hai tanto un mandato Constitucional (o que establece o art. 104 ao indicar que unha Lei Orgánica determinará as funcións, principios básicos de actuación e estatutos das Forzas e Corpos de Seguridade) e a consecuente Lei Orgánica 2/86 e 13 de Marzo que habilita un regulamento de funcionamento como instrumento imprescindible para “organizar o servizo da policía local de Vigo, sobre todo no marco dos cambios que existen normativos motivados principalmente polas leis de Coordinación de policías e a propia lei de bases de réxime local. Regulamentos como o que propoñemos para Vigo xa son os habituais noutros concellos e regulan o ingreso ao corpo, a promoción interna, funcións, estrutura, etc… evitando a situación de interinidade e irregularidade permanente de moitas decisións que se toman no servizo actualmente.