marea de vigo considera urxente un proxecto de rexeneración do lagares para optar ás axudas de ate 4 millóns de euros con cargo a fondos europeos.

28 de Decembro de 2021

Marea de Vigo considera urxente un proxecto de rexeneración do Lagares para optar ás axudas de ate 4 millóns de euros con cargo a fondos europeos.

Rubén Pérez: “Non existe información seria por parte do Concello salvo as consabidas polémicas sobre a titularidade do leito do río coa Xunta. Pedimos un proxecto serio como o proxectado por Ecoloxistas en Acción para optar á Convocatoria de subvencion da Fundación Biodiversidad FSP, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e cuxo prazo de presentación abriuse xa e remata en marzo”.

Marea de Vigo afirma que a rexeneración do Lagares, especialmente no seu treito urbano, “é xa unha prioridade”.

Vigo, 28-12-2021. Marea de Vigo lamenta o silencio do Concello ante o proxecto de Ecoloxistas en Acción, “proxecto solvente que está asesorado polos mesmos ambientalistas que configuraron o proxecto de rexeneración do treito urbano do Manzanares e que está considerado como unha referencia en toda europa de recuperación ambiental en canto a flora, fauna e calidade de auga dun rio con percorrido urbano” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo lembra que estas axudas esixen dun proxecto concreto e poden financiar dende 500.000 euros a un máximo de 4 millóns por proxecto, actuacións dirixidas á restauranción do ecosistema fluvial do Lagares, “especialmente nos tramos de risco de inundación e priorizando a conservación da biodiversidade terrestre e fluvial” engade Pérez.

Para Marea de Vigo, este plan de mellora e conservación “ten que poñer enriba da mesa a solución definitiva aos verquidos, a concrección de boas prácticas na conservación dos bosques de ribeira existentes e que son unha riqueza ambiental insustituible na cidade e poñer en valor a divulgación dos valores ambientais que comporta” detalla o voceiro. Do mesmo xeito, Marea de Vigo segue a considerar necesario abordar e estudar a declaración como ENIL (Espazo Natural de Interese Municipal) a toda a desembocadura do Lagares “para evitar seguir tomando decisións que alteren substancialmente este espazo facendo ademais un espazo de protección que chegue ate ao actual ENIL do Bao-Baluarte máis aló da divisoria entre a Praia do Bao e a Fontaíña” xa que, a xuizo de Marea de Vigo, “existe unha clara continuidade do complexo dunar, non só nos elementos orográficos senón tamén nas tipoloxías de especies animais e vexetais que xustifican esta ampliación” matiza Rubén Pérez.

Do mesmo xeito, Rubén Pérez afirma que, “cun plan integral serio e rigoroso, evitaríanse os desbroces permanentes das ribeiras, cun alto impacto ambiental e feito sen criterio ambiental, así como os desastrosos tramos de paseos que sistemáticamente se artellaron por iniciativa do Concello ou da directiva actual da Comunidade de montes de Cabral, que tiveron mesmo actuacións sobre o propio leito do río”, actuacións reiteradamente denunciadas por Marea de Vigo e diversos colectivos ecoloxistas.