marea de vigo contra a violencia machista e pola abolición da prostitución.

24 de Novembro de 2017

Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno do día 29 de novembro unha moción pola adhesión de Vigo á “rede de cidades libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución” e pola adopción de medidas abolicionistas.

Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, desde o Grupo Municipal da Marea de Vigo reivindícase, a través desta moción, a erradicación dunha das máximas expresións de violencia machista, como é a trata e a prostitución.

Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, quen defenderá a moción o vindeiro mércores, explica que “Entendemos a prostitución e a a explotación sexual das mulleres unha clara expresión de subordinación e dominación, e polo tanto, de violencia machista. Estas mulleres son persoas desposuídas da súa humanidade e cosificadas como mercancía. Aproveitadas polos traficantes para o seu uso e abuso, e por todo aquel que o desexe, participando e perpetuando o negocio da escravitude do século XXI. Existe polo tanto, unha relación directa entre a prostitución e o patriarcado, así como co sistema capitalista: a trata afecta a millóns de persoas, maioritariamente mulleres, nenas e nenos, en contextos de pobreza e de falla de oportunidades, establecendo un claro vínculo entre os países pobres como provedores e os ricos como consumidores. Actualmente, a prostitución é o negocio máis lucrativo despois do tráfico de armas e antes do tráfico de drogas, aportando unhas ganancias de entre 5 e 7 billóns de dólares, mobilizando a unhas 4 millóns de persoas”

A defensa das posturas abolicionistas con respecto á prostitución procura ir á raíz dun problema que afecta aos dereitos humanos como os dereitos esenciais que están fóra de discusión: os de toda persoa a non ser abusada nin utilizada sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio de ningunha compensación económica. “Regular a prostitución, lexitimaríaa como un soporte de control patriarcal e subordinación sexual das mulleres, cun efecto negativo non só sobre as mulleres e nenas que están dentro senón sobre o conxunto das mulleres como grupo, xa que consolida unha definición machista onde as mulleres teríamos a función de estar ao servizo sexual dos homes”. concreta Marga L. Barreiro.

Na moción da Marea de Vigo, pídese a suma do municipio de Vigo á “Rede de cidades libres do tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución”, así como, cara ao Goberno Central e á Xunta, a aplicación real da Lei de Trata e o Plan Integral de loita contra a trata de mulleres e nenas con fins de explotacións sexuais, perseguindo deste xeito o tráfico de mulleres e persoas e aos proxenetas e mafias. Por outra banda, solicítanse unha serie de acordos vinculados ao establecemento de políticas abolicionistas na nosa cidade, como son a priorización e dotación orzamentaria para as subvencións dos programas que teñan por obxecto non meramente a redución de danos da poboación en situación de prostitución senón que se ofrezan alternativas de saída, formación específica para o persoal do Centro de Información á Muller ou o deseño de campañas periódicas para sensibilizar á poboación sobre a equivalencia da prostitución á explotación sexual das mulleres e polo tanto, a unha forma máis de violencia de xénero.

Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, lembra tamén que “Vigo debe implicarse activamente na loita pola igualdade entre homes e mulleres adoptando ferramentas para a saída da prostitución así como todas aquelas medidas orientadas á prevención e educación en igualdade. Deben levarse a cabo ademais os mecanismos de vixilancia e punitivos contra aqueles locais onde se dean estas actividades presuntamente delituosas. Na nosa cidade, ata o de agora os poderes públicos miraron sempre para outro lado cando se trata de investigar ou dar licenzas ás ducias de locais que hai neste concello”

Marea de Vigo acudirá tamén mañá a manifestación convocada as 20:00 na Farola de Urzaiz polas asociacións feministas da cidade, que este ano levará o lema “O machismo mata desde a infancia. Organicémonos para combatelo” e anima á cidadanía á participación na mesma.