marea de vigo critica que a autoridade portuaria non permitira o arranxo do open arms no estaleiro san enrique e vincula esta decisión ao plan de desmantelamento do sector.

23 de Xuño de 2021


Marea de Vigo critica que a Autoridade Portuaria non permitira o arranxo do Open Arms no estaleiro San Enrique e vincula esta decisión ao plan de desmantelamento do sector.

 

A negativa da Autoridade Portuaria a que se leven a cabo as labores de reparación do Open Arms no antigo estaleiro Vulcano, hoxe San Enrique, “non deixa de ser a demostración palpable do boicot da AAPP a calquera tipo de actividade industrial relacionada coa construción naval nese espazo” considera Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

 

Vigo, a 23-06-2021. “Nesta ocasión – segundo relata Rubén Perez -, Capitanía Marítima permitía o atraque” e, sendo habituais este tipo de manobras nos estaleiros, “o que fai a Autoridade Portuaria co seu Presidente á fronte, é colocarse na senda do anterior presidente, que o que buscaba era dar cobertura e apoio ao seu ‘chiringuito de amiguetes’ do sector de loxística do Porto, mentres se extingue un estaleiro e a actividade de construción naval relacionada” para converter ese estaleiro, mediante un recheo, “nunha zona operativa para o uso secundario de contedores, unha actividade totalmente secundaria e que ademais non xeraría nin emprego nin actividade dun xeito tan evidente como a que xera un esteleiro funcionando a pleno rendemento” matiza.

Marea de Vigo vai seguir esixindo á Xunta de Galicia que deixe de “marear a perdiz” con esta cuestión e, en palabras de Rubén Pérez, “que se desenmascare a súa verdadeira intención de destruír o emprego no sector naval na ría de Vigo, comezando polo rival máis debil, como é a situación na que se atopa o estaleiro San Enrique”.

Marea de Vigo defende o futuro industrial das instalacións, “futuro que pasa por blindar a nova concesión administrativa dos terreos para que soamente se poidan utilizar para actividade industrial relacionada coa construción naval” sinala o voceiro, e esíxelle ao Concello de Vigo que se posicione claramente e asuma o liderazgo na defensa deste sector. “Non é de recibo escoitar ao alcalde dicir que nunha xuntanza que tivo cos poucos traballadores que quedan no estaleiro San Enrique, non se falou dos terreos, cando esta é a cuestión fundamental” afea Pérez.

Actualmente, o estaleiro San Enrique apenas conta con media ducia de traballadores “mais é unha cuestión de vontade xerar actividade naval e emprego, tendo sido unha oportunidade, no caso destes días, a reparación do Open Arms nas instalacións do mesmo” conclúe o voceiro.