marea de vigo critica que non exista nin vontade nin iniciativa algunha por parte do goberno local para que as illas cíes se convertan en patrimonio da humanidade e reclámalle que faga o que corresponda.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo critica que non exista nin vontade nin iniciativa algunha por parte do Goberno local para que as Illas Cíes se convertan en Patrimonio da Humanidade e reclámalle que faga o que corresponda.
Oriana Méndez: “En lugar de converter isto nunha estratexia publicitaria e de autobombo do alcalde, o que hai que facer é presentar a documentacion cos criterios científicos, culturais, etnográficos, etc. que xustifiquen a candidatura das illas”.
A día de hoxe, o Concello non fixo absolutamente ningunha das tarefas nin enviou información algunha á UNESCO para que as Illas Cíes estean na lista provisional para ser declaradas Patrimonio da Humanidade.
Vigo, 26-07-2021. Hai lugares nos que conflúen de xeito extraordinario a forza dunha paisaxe única, a potencia dunha biodiversidade rica que precisa conservación e un fortísimo peso da historia de Galicia e de Europa. “Así acontece coas Illas Cíes, por iso para milleiros de persoas no mundo que coñecen a nosa ría, as Illas Cíes son xa patrimonio mundial” afirma Oriana Méndez. “Non obstante – prosigue -, se o Goberno local ten vontade real de que as Illas Cíes acaden o recoñecemento de Patrimonio Mundial outorgado pola UNESCO, entón terá que actuar e dar os pasos necesarios para que a proposta sexa tida en conta e vaia adiante”.
Para Marea de Vigo, mais aló das cuestións publicitarias que faga o Concello, “que máis ben semellan só valer para derivar recursos públicos a determinados medios de comunicación e entidades” apunta a concelleira, para conseguir que unha candidatura se frague na UNESCO, “o que hai que facer é traballar na documentación técnica para o comité de avaliación” engade. “As palabras lévaas o vento e, na realidade, só vemos que o Goberno local se move e executa, con toda celeridade, as luces do Nadal ou fotocalls de cartón-pedra” critica Oriana Méndez.
Non existe en Galicia, nin probablemente en toda a costa atlántica europea, un enclave coma o das Illas Cíes, “onde se encontran beleza, biodiversidade, historia e cultura” suliña a concelleira. Marea de Vigo considera que Abel Caballero “debe pasar das palabras aos feitos”. “Os vigueses merecemos un alcalde que pule polo recoñecemento da UNESCO para as Illas Cíes, para estimular e garantir a súa protección” engade Oriana Méndez.