marea de vigo cualifica a actitude de xunta e concello cos negocios de xogo como un agravio á hostalería da cidade.

21 de Setembro de 2020

Marea de Vigo cualifica a actitude de Xunta e Concello cos negocios de xogo como un agravio á hostalería da cidade.

“O Goberno de Abel Caballero debe actuar inmediatamente esixindo á Xunta a subsanación do baleiro legal que permite a bingos, casas de apostas e ao casino non cumprir as mesmas normas que debe cumprir a hostalería ante a COVID19”.

Vigo, a 21-09-2020. O pasado 28 de agosto, Marea de Vigo denunciaba ante as autoridades (Concellería de Seguridade e Xefatura de Policía Local) o que estaba acontecendo no Casino de A Laxe, tras varias denuncias da veciñanza ao respecto nas que se detallaba que o casino estaba dando servizo de bar máis aló das horas permitidas á hostalería e establecementos de ocio nocturno local.

Máis aló da visita cursada pola policia local ao casino de A Laxe, na que se confirma a “patente de corso” da que dispoñen os establecementos de xogo amparados pola norma da Xunta, “o Goberno local non levou a cabo medida algunha, nin tan sequera amosou oposición a unha norma que supón un importante agravio ao sector hostaleiro da cidade – matiza Rubén Pérez -. Fin de semana tras fin de semana e como tónica xeral, seguimos asistindo ás aglomeracións nas portas dos locais de xogo”.

Ademais do perxuizo á hostaleria local, para a Marea de Vigo, “a norma emitida pola Xunta resulta absolutamente incoherente coa suposta intención da mesma, que obriga a pechar os locais de restauración e ocio nocturno á 01:00 pero por outra banda permite que outro tipo de locais permanezan abertos”.

“Resulta moi chamativo que o Concello non se opoña frontalmente á Xunta de Galicia nesta ocasión, cando estase a perxudicar gravemente ao sector hostaleiro vigués – prosigue Rubén Pérez – o Goberno de Abel Caballero está facendo unha evidente deixación de funcións, debe actuar inmediatamente esixindo á Xunta a subsanación do baleiro legal que permite aos locais de xogo a non cumprir as mesmas normas que debe cumprir a hostalería con respecto á COVID19”.

Nunhas circunstancias como as que estamos vivindo ante a COVID19 nas que existen grandes restriccións para toda a cidadanía, e nas que sectores coma o hostaleiro están sufrindo especialmente, “NON é de recibo que certos negocios permanezan á marxe – incide o voceiro – coma se o virus non tivese impacto neles”. “Xa é inasumible que se deixen fóra da norma aos casinos, bingos e salas de xogo, mais a posición tanto da Xunta protexendo coma do Concello permitindo, é inaceptable”.