marea de vigo cualifica como claramente insuficiente o gasto social no que vai de 2021 e no proxectado nos orzamentos para 2022.

15 de Novembro de 2021

Marea de Vigo cualifica como claramente insuficiente o gasto social no que vai de 2021 e no proxectado nos orzamentos para 2022.

Oriana Méndez: “Os datos de previsión de inflación dos prezos dos subministros básicos das familias, o encarcemento dos alugueiros e a progresión á baixa dos salarios na maioria dos sectores obriga ao Concello a repensar a cifra, absolutamente escasa, de 19 millóns de euros de gasto social finalista na cidade”.

Vigo, 15-11-2021. Para a Marea de Vigo, o orzamento do 2022 “é unha nova oportunidade para poñer a Vigo na vangarda dos concellos en gasto social, facendo que este supere os 100 euros por habitante – sinala Oriana Méndez -, tal e como recomendan numerosas entidades sociais e a asociación de xerentes de servizos sociais que anualmente emiten un informe que coloca reiteradamente a Vigo moi por debaixo de esas cifras” .

“Por se fora pouco, para o 2022 hai unha pequena redución desta partida – apunta a concelleira -, xa que incomprensiblemente asistimos a unha redución do importe ligado a programas de servizos sociais e promoción social nun ano tan incerto como o 2022 no tocante a necesidades de coberturas sociais” matiza a concelleira, referíndose ao sumatorio destes programas, que de pasa dos 19.438.000 euros presentes no orzamento de 2021 (65,5 euros de gasto social por habitante) aos 19.268.714 (64,9 euros por habitante). “Unha merma evidente de recursos consignados a estas partidas e que afastan máis a Vigo da recomendación dos profesionais dos servizos sociais de que se consignen 100 euros por habitante” incide Méndez.

Ao xuizo da Marea de Vigo, a escusa da existencia de maior número de persoas perceptoras do novo Ingreso Mínimo Vital, “non xustifica que se retraian partidas como por exemplo nas axudas a alugueiro, vivenda, alimento e consumo enerxético” , partida xa diminuída no 2020 de 800.000 a 526.150 no 2021 e agora reducida a apenas 357.350 euros neste orzamento.

Marea de Vigo considera que os orzamentos do 2021 e do 22 eran e aínda poden ser “a oportunidade para avanzar en políticas de gasto social en Vigo” xa que, ademais de suspenderse as regras fiscais e o limitante teito de gasto restrictivo, para o 2022 Vigo vai contar cun orzamento cun incremento notable de cesión de tributos do estado (IVE, IRPF, II.EE) que aumenta un 11% análogo a un aumento do 13% no fondo complementario de financiación, “uns números que permiten incrementar os ingresos pese a non aplicarse subas do IPC nos impostos e taxas públicas” engade Oriana Méndez.

Marea de Vigo tamén quere lembrar ao Goberno de Abel Caballero que o RD do 17 de marzo xa autorizaba un incremento do uso do superávit polos Concellos para atención social (establece que as corporacións locais dispoñen dunha cantidade de igual contía do superávit do exercicio 2019 para financiar as axudas económicas e todas as prestacións de servizos xestionadas polos servizos sociais de atención primaria e atención á dependencia que veñen recollidas no Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, do 16 de xaneiro de 2013, que recolle o Catálogo de Referencia de Servizos Sociais) e, “ante a evidencia de que coa aparición do Ingreso Mínimo Vital están a garantirse ingresos a familias, o que pretendemos trasladar é a posibilidade de ampliación do catálogo de axudas sociais máis aló das AEFAS e de outras axudas de emerxencia que se habiliten por parte do Concello” suliña a concelleira.

“Con estes recursos e na liña do presentado na nosa emenda – resume Oriana Méndez – o Concello de Vigo podería artellar un serio programa de alugueiros sociais e programa de hostais acolledores para ter solución habitacional urxente para un ano 2022 que pode ser especialmente complexo en canto a desafiuzamentos e para as persoas en situación de rúa, habilitar máis políticas en materia de vivenda social de emerxencia, aumentar axudas de alimentos, subministros, etc… facéndoas compatibles coa RISGA e o IMV, así como garantir a gratuidade de todas as escolas infantís municipais para o ano 2022”.