marea de vigo cualifica como “incendiarias” as políticas da xunta en canto á prevención e extinción de lumes.

16 de Outubro de 2017

O Grupo Municipal da Marea de Vigo felicita á veciñanza viguesa pola solidariedade e cualifica como incendiarias as políticas da Xunta con respecto á prevención e extinción de lumes, ao estar baseadas nas privatizacións destes servizos.

Marea de Vigo expresa as súas condolencias ás familias e amizades das persoas falecidas, así como a solidariedade con todas aquelas persoas que foron desaloxadas e ás que están sendo atendidas nos hospitais a causa dos lumes.

Para a Marea de Vigo, a falla de políticas efectivas de prevención, o abandono do rural, a lexislación que permite despropósitos como a recualificación de montes queimados, e a privatización e segmentación dos servizos relacionados coa prevención e extinción de incendios, forman a combinación perfecta que explica en grande medida o acontecido nas pasadas horas nos montes galegos.

Segundo a Marea de Vigo, feitos como que o persoal das brigadas non estea traballando todo o ano ou que non se realicen as tarefas necesarias de prevención e planificación forestal resultan inaceptables e supoñen parte da irresponsabilidade que facilitou o acontecido. Hai tarefas como a limpeza necesaria nos montes e fincas que resultan primordiais á hora de previr e facilitar a extinción dos lumes, neste caso ademais, trátase dunha responsabilidade compartida entre a Xunta e o Concello, sendo a entidade local a responsable da realización dos traballos de limpeza nos terreos do municipio.

No caso de Vigo, a falla de cantidade de persoal efectivo no servizo público de bombeiros, supuxo tamén unha serie de dificultades que non axudaron a rápida resposta que se require neste tipo de desgrazas, xunto á sobrecarga de traballo do propio persoal.

Mais, tal e como xa ten acontecido noutras catástrofes nos pasados anos, a veciñanza volveu ser un exemplo de solidariedade e traballo en equipo, sendo quen de responder no momento no que, outra vez, as administracións fallaron e mesmo facilitaron.

Non se pode agardar un día máis para tomar as medidas necesarias, esta situación non pode volver a acontecer, cando grande parte da solución reside na vontade política do goberno da Xunta de Galicia, polo que a Marea de Vigo anima á cidadanía a acudir masivamente ás concentracións convocadas para esta tarde co lema “Lume nunca máis, o noso monte importa” que, no caso de Vigo terá lugar no MARCO ás 20:00.