marea de vigo cualifica como insuficientes e con cobertura social escasa os orzamentos da xunta de galicia para vigo.

24 de Novembro de 2020

Marea de Vigo cualifica como insuficientes e con cobertura social escasa os orzamentos da Xunta de Galicia para Vigo.

Rubén Pérez: “O incremento a 42 millóns de euros de canon de pago á concesionaria privada do Hospital Álvaro Cunqueiro é un lastre que se incrementa ano a ano e que condicionará o gasto sanitario en Vigo durante os próximos 20 anos”.

Marea de Vigo pide recuperar a partida do ano 2009 de 950.000 € para a construción dunha residencia de maiores, desaparecida cando se anunciou a construcción da de Teis con recursos económicos da Fundación Amancio Ortega.

Vigo, 24-11-2020. O voceiro de Marea de Vigo no Concello, Rubén Pérez, considera que “é pouco entendible que teñamos uns orzamentos inferiores aos de 2009, últimos orzamentos presentados pola Xunta nun contexto semellante de crise e coa posibilidade de non ter en conta o teito de gasto que entraría en funcionamento cos criterios restrictivos no ano 2010”. Os orzamentos para 2021 “non só contan coa eliminación das regras fiscais, senón que contan con máis recursos do estado e con máis fondos europeos”, co que os 11.563 millóns de euros de gasto destas contas “é un importe non suficiente para abordar a grave situación económica e social que provoca a COVID-19” apunta.

No tocante a cidade de Vigo, Marea de Vigo cririca que “segue sen resolverse e clarificarse o futuro das instalacións da ETEA, consignando por enésima vez partidas sen un proxecto claro de que se quere facer coas instalacións o que devangará nunha inexecución de gran parte dos recursos” engade Rubén Pérez. O grupo pide á Xunta “un proceso ambicioso de urbanización dotacional e a conexión definitiva das antigas instalacións militares no barrio de Teis”.

Así mesmo, lembra ademais que “co anuncio de financiación da residencia por parte da Fundación Amancio Ortega, a partida pública para construír a residencia desapareceu nos Orzamentos de 2020”, polo que “pide o retorno da mesma para a construción dunha segunda residencia (esta con fondos 100×100 públicos) en Vigo”.

Con respecto a Sanidade, Rubén Pérez incide na situación do gasto sanitario, “vese afogado polos máis de 42 millóns de euros do cánon que paga o Sergas á concesionaria privada, un auténtido dispendio económico con lucrativo resultado para as construtoras privadas que xestionan o hospital” polo que Marea de Vigo volve a reclamar partidas “para a elaboración dun estudo serio e rigoroso para a recuperación da concesión e aforrar en sucesivos exercicios o pago do canon a empresas privadas e a centralización do gasto sanitario (sumando canon e investimentos superan os 63 millóns de euros actualmente) do Alvaro Cunqueiro no Sergas”.

Marea de Vigo considera tamén un grave erro “non clarificar o futuro do barrio vigués de Navia consignando unha partida para a construción dun novo IES no barrio” segundo apunta Rubén Pérez, toda vez que se presenta a proposta orzamentaria dun novo ies (50.000 €) pero empregando as instalacións xudiciais da rúa Lalín que quedarán baleiras cos traslado dos edificios xudiciais ao antigo Xeral. “Navia ten que ter un IES dentro do P.A.U., ou teremos o mesmo problema de saturación e zonificación incorrecta” engade.

Marea segue a demandar un segundo albergue público de persoas en situación de rúa que complemente o xa existente municipal, a previsión real de fondos orzamentarios a un plan de emerxencia habitacional para evitar que o programa Reconduce non conte actualmente con ningunha vivenda para as centos de familias en Vigo que nestes meses e no ano que ven van sufrir lanzamentos das súas vivendas, especialmente para evitar que as chamadas a este programa sexan “unha manifesta inutilidade”.

Marea de Vigo considera, tal e como expresara para o orzamento do 2020 que “a cidade de Vigo sigue enfrascada orzamentariamente nos mesmos fitos, moitas veces, lugares comúns que pasan de orzamento a orzamento sen execución real” polo que segue a demandar:

 

1. Un plan serio de formación e inclusión laboral no sector naval ante a necesidade urxente de profesionais e que teña un retorno real en forma de emprego no sector. Plan que debería dotarse cando menos de 3.5 millóns de euros.
2. Compromiso coa cultura, dotando, tal e como demandamos en 2020, dunha partida de 100.000 euros para o M.A.R.C.O., unha reforma integral do conservatorio do Castro, liña de axudas durante todo o ano para o sector cultural, músicos, salas de concertos e teatros da cidade (revertindo recursos dos máis de 31 millóns de euros do Xacobeo para este fin).
3. Incrementar aos 3 millóns de euros os orzamentos para rehabilitación do Casco Vello nun plan plurianual de 15 millóns e que permita ademais un programa para a actividade comercial e profesional nos numerosos locais comerciais baleiros que foron rehabilitados con recursos públicos neste ano.
4. Plan de rexeneración do borde litoral de Vigo asumindo a Xunta o custo da reparación do paseo de Bouzas en vez de ter que realizarse como gasto impropio por parte do Concello de Vigo.
5. Remate de protección da EDAR do Lagares, asumindo a consellería de medio ambiente unha pantalla vexetal que protexa ás vivendas colindantes de impactos visuais, cheiros e gases da actual planta.
6. Incrementar o programa de axudas ao comercio e hostelería para que permita que solo para a cidade de Vigo se habiliten 15 millóns de euros.
7. Cofinanciar con máis de 1 millón de euros o programa de aulas internacionais do Concello de Vigo que é un gasto impropio da entidade local.
8. Revertir todos os recursos do RISGA de persoas que vaian a cobrar o Ingreso Mínimo Vital na cidade de Vigo nun programa complementario de axuda de alimentos, pago de alugueiros, etc e que sexa complementario do IMV. No obxectivo próximo de que neste 2021 se modifique a lexislación e Risga e IMV sexan compatibles.