marea de vigo cualifica como temerarias as declaracións do alcalde do psoe, abel caballero, con respecto á redacción dos pregos do novo contrato de promoción turística.

4 de Febreiro de 2019

Marea de Vigo cualifica como temerarias as declaracións do alcalde do PSOE, Abel Caballero, con respecto á redacción dos pregos do novo contrato de promoción turística, na que estaría participando unha empresa interesada.

Xosé Lois Jácome: “Quen é unha empresa para condicionar a redacción dun prego dun concurso público? A elección de destinos así como o resto das condicións deberían saír cando menos da Concellería de Turismo, nunca dunha empresa con intereses no contrato”.

Vigo, 04-02-2019. Á vista das recentes declaracións do alcalde con respecto ao que se supón será o novo contrato para promoción turística, actualmente en mans da empresa Ryanair, Marea de Vigo reafírmase na súa postura en relación a esta clase de investimento en gastos impropios da administración local. “Durante os tres anos de vixencia do actual contrato, a empresa Ryanair incumpriu sistemática e reiteradamente o propio contrato cos constantes cambios realizados sobre as rutas, mais o Goberno local deixou facer e non estableceu a mínima fiscalización que se lle debe esixir a quen recibe millóns de euros de cartos públicos que se deixan de destinar a outras partidas. Isto vén demostrar, unha vez máis, que non se poden realizar contratos deste tipo desde a administración local, e menos, con empresas pirata como é o caso de Ryanair, especializada en incumprimentos contractuais e laborais”.

Mais, para a Marea de Vigo, o máis grave “non é o que xa se espera dunha empresa como Ryanair, senón que sexa o propio alcalde quen, abertamente, admita que unha empresa interesada nun concurso está sendo partícipe na redacción dos pregos dese concurso, ao que tería que acceder en igualdade de condicións que o resto das empresas. Isto só redunda nunha obviedade: o deseño dos pregos de condicións está facéndose ao antollo de Ryanair” afirma X. L. Jácome. “Son precisamente este tipo de cuestións as que motivan que non participemos nas mesas de contratación” matiza o concelleiro.

Marea de Vigo seguirá defendendo que “antes de investir nas compañías aéreas desde a institución municipal, é preciso levar a cabo unha coordinación aeroportuaria entre as tres cidades galegas que contan con aeroporto, para deixar de soterrar cartos públicos en gastos que nin son propios nin garanten un retorno económico para a cidade ou unha maior accesibilidade á veciñanza, e só alimentan localismos e argumentacións electoralistas absurdas” conclúe Xosé Lois Jácome, concelleiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.