marea de vigo cualifica de “broma de mal gusto” o establecemento do aforo dos autobuses urbanos imposto pola xunta.

10 de Novembro de 2020

Marea de Vigo cualifica de “broma de mal gusto” o establecemento do aforo dos autobuses urbanos imposto pola Xunta.

Oriana Méndez: “Mentres a hostalería permanece pechada, a Xunta decide que o aforo de prazas sentadas nos autobuses pode ser do 100%, realizando limitacións de aforo só ás prazas de persoas que viaxan de pé. Especialmente grave é esta norma para o transporte de ría porque de facto permitiría que o 100% dos asentos estean ocupados, sen separación algunha entre eles” .

O Grupo municipal da Marea de Vigo solicitou hoxe por rexistro a convocatoria do Consello Sectorial de Transporte do Concello de Vigo para abordar as novas medidas da Xunta así como o modo de aplicación das mesmas ao transporte urbano de Vigo (competencia municipal e non autonómica).

10-11-2020. A publicación hoxe no DOGA dunha nova instrucción da Xunta de Galicia, que substitúe á orde do pasado 4 de novembro de 2020 “significa de facto un aumento dos aforos nos autobuses urbáns dependentes do Concello de Vigo – apunta Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo -, ao establecer formalmente un uso ao 100% das prazas sentadas e dunha sexta parte nas de de pé”. Marea considera que Vigo terá que adaptarse a esta norma a pesar de que rixe nos servizos de transporte interurbanos e nos urbanos dependentes da Xunta de Galicia, tendo xa cidades como A Coruña que anunciaron a adaptación.

Para a Marea de Vigo “a norma é profundamente ambigua”, xa que establece que: “que nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos asentos. Deberase manter a máxima separación entre as persoas usuarias cando o nivel de ocupación o permita”. Este feito sen un control administrativo fará que empresas privadas como a que xestiona o transporte público de viaxeiros priorice factores de aforro económico antes que reforzar liñas e frecuencias, “amarrándose ao feito da ocupación ao 100% sen estudar outras alternativas que evitasen os capítulos de vehículos masificados que vivimos estes meses” matiza a concelleira.

Igualmente, “esta norma pretende que os conductores exerzan de polícias de vehículo cando é algo absolutamente fóra das funcións que o propio regulamento de transporte público aprobado polo Concello de Vigo normativiza e debería ser un reforzo de revisores de Vitrasa os que asumisen esa función, establecendo ademais as separacións entre as persoas viaxeiras cando o nivel de ocupación o permita, feito para o que tería que incrementarse o cadro de persoal da concesionaria” explica Oriana Méndez.

Marea de Vigo esixe que o Concello de Vigo non adopte como referencia para os aforos esta norma establecendo un uso do 50% dos asentos así como o mantemento da limitación de 1/6 nos espazos para persoas que viaxan de pé. Do mesmo xeito, “o Concello debe obrigar á concesionaria a reforzar frecuencias, liñas e realizar maiores quendas de desinfección, asi como recuperar as condicións de traballo do persoal da compañía e os baños químicos nas cabeceiras das liñas, toda vez que co peche da hostalería supón un serio problema para os conductores e conductoras” conclúe a concelleira.