marea de vigo cualifica de “chapuza ilegal” propoñer unha modificación do contrato do túnel da porta do sol

10 de Marzo de 2020

MAREA DE VIGO CUALIFICA DE “CHAPUZA ILEGAL” PROPOÑER UNHA MODIFICACIÓN DO CONTRATO DO TÚNEL DA PORTA DO SOL AMPLIANDO IMPORTE E OBRA E ANUNCIA QUE VOTARÁ EN CONTRA NA MESA DE CONTRATACIÓN DO CONCELLO.

O Grupo municipal considera “delirante” que unha prolongación dunha infraestrutura que vai alterar o ámbito aprobado sexa imputada a custe do Concello e non mediante convenio urbanístico en todo caso co promotor privado do Barrio do Cura.

10/03/2019. Marea de Vigo afirma que a figura anunciada polo alcalde do “modificado” para a ampliación da obra do túnel “so pode ser admitida en supostos excepcionais como contratos menores, negociados sen publicidade e modificacións contractuais, pero nunca nunha obra nova, que tería que ter licitación separado polo seu elevado importe” Rubén Pérez lembra ademais que “o modificatorio só pode ser por o 20% do valor do contrato e de superalo sería unha adxudicación ilegal”.

Para o voceiro de Marea de Vigo, o que onte anunciou o alcalde “non está suxeito a ningún suposto dos recollidos nos artigos 204 e 205 da Lei de Contratos do Sector Público”, xa que “as modificacións previstas nos pregos de cláusulas administrativas particulares deixan claro que o contrato, neste caso subscrito coa empresa gañadora da licitación, só pode modificarse ate un máximo do 20% do prezo inicial e que e ningún caso os órganos de contratación poderán prever no prego a alteración da natureza global do contrato”. Do mesmo xeito, segundo os pregos, as modificacións terán que ser xustificadas e reguladas tal e como figura no artigo 205: xustificar as obras como imposibles de licitar de novo, a exclusividade do contratista, dificultades técnicas imponderables, etc… “feitos que non se dan en ningún suposto da licitación inicial do túnel” engade o voceiro.

“O especialmente grave do anunciado polo alcalde – sostén Rubén Perez – é que recentemente aprobouse a modificación puntual do PEPRI do Casco Vello para darlle saída á promoción urbanística do Barrio do Cura, e o convenio asinado marca tamén as infraestruturas públicas que ten que soster o promotor para desenvolvelo. Curiosamente o túnel podería perfectamente ser parte das obrigas do promotor privado e, ao non estar contemplado, agora asumiremos cos recursos públicos a infraestrutura que actúa de xeito evidente no ámbito. Un feito que pode ser entendido como dunha deixación interesada da defensa do interese público en aras do privado por parte do Alcalde de ser certo o que plantexou en rolda de prensa”.

“Que se licitase ata Elduayen nun contrato e agora se pretenda redactar un novo proxecto e licitar ata o final do Paseo de Alfonso é cando menos unha evidente improvisación porque tería afección na mobilidade da cidade e sería unha emenda evidente ao proxecto do túnel anteriormente licitado” explica Rubén Pérez.

Marea de Vigo, que xa puxo obxeccións á licitación do túnel na mesa de contratación, votará en contra de calquera modificatorio que por esa vía se promova no órgano de contratación do Concello de Vigo e seguirá a demandar a paralización da obra e o traballo en alternativas de consenso que prioricen a mobilidade sostible e o transporte público adaptado á realidade do centro histórico da cidade.