marea de vigo cualifica de “extrema gravidade” que se estean usando recursos económicos da concesión de transporte de vigo para tapar miserias do grupo avanza fóra do municipio.

26 de Abril de 2022

Marea de Vigo cualifica de “extrema gravidade” que se estean usando recursos económicos da concesión de transporte de vigo para tapar miserias do Grupo Avanza fóra do municipio.

Oriana Méndez: “O diñeiro dos vigueses e das viguesas debe quedarse en Vigo e non acabar nas ‘aventuras societarias’ que ten o Grupo Avanza fóra da nosa cidade, esiximos que o Concello faga unha auditoria das contas depositadas por VITRASA”.

Vigo, 26-04-2022. Tras coñecer a denuncia da UGT con respecto ás contas da concesionaria municipal de transporte urbano, VITRASA, no marco das negociacións que evitarían un novo conflito laboral, Marea de Vigo esixe ao Goberno local que audite as contas depositadas pola concesionaria, e “fiscalice deste xeito o uso dos recursos que pagamos todos os vigueses e viguesas polo transporte público” afirma Oriana Méndez.

Marea de Vigo afea a actitude da concesionaria, que insiste en a utilizar ao persoal coa posibilidade dun descolgue salarial argumentando que a concesión non é rendible, “pese a estar esta empresa ‘hiper subvencionada’ a costa da veciñanza viguesa” matiza a concelleira.

Marea de Vigo considera que co que queda por amortizar do contrato “e cun orzamento expansivo como o do noso Concello – afirma Méndez -, é perfectamente asumible xestionar de xeito directo este servizo, ben a través de empresa pública ou directamente coma unha unidade de gasto do propio Concello”.

Para a Marea de Vigo, as actuacións de VITRASA e as permanentes ameazas de recortes de dereitos no seu persoal, “é máis que suficiente para que a administración local tome isto como unha oportunidade para sacar ao Grupo Avanza da concesión e volver a ter unha empresa 100% pública” conclúe a concelleira.