marea de vigo cualifica de “insulto democrático” o modo no que o goberno local informa da redacción do novo pxom.

17 de Decembro de 2019

Marea de Vigo cualifica de “insulto democrático” que un ano despois de entregar o primeiro documento do PXOM, os grupos da oposición se enteren dos traballos do seguinte nun medio de comunicación.

Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo, reclamou hoxe na xerencia de urbanismo que “os traballos do PXOM sexan informados no Consello da Xerencia de Urbanismo e non filtrados de xeito interesado a un medio de comunicación”, toda vez que dende a entrega en decembro de 2018 do documento de metodoloxía xeral e diagnose socio-económico, transcorridos máis dos 7 meses de previsión de redacción do segundo documento, Marea de Vigo non ten novas dos traballos do PXOM.

Vigo, 17-12-2019. Marea de Vigo lamentou hoxe no Consello da Xerencia de Urbanismo o procedemento “antidemocrático” de ocultar a información do PXOM aos grupos da oposición e filtrar aos medios “elixidos” a información do mesmo. O seu voceiro lembrou que no Plan de Realización dos traballos de revisión do PXOM de Vigo, presentado pola empresa concesionaria dos mesmos, OPSA-SEPIA, veñen establecidas as distintas fases de redacción, a primeira complementada en decembro de 2018 presentando a Metodoloxía e primeiro documento de diagnose socio-económica, e 7 meses despois a 2ª fase, consistente na elaboración da solicitude do procedemento, o Documento Inicial e o Borrador do plan, “documentación sobre a que ata o día de hoxe non temos coñecemento” matizou Rubén Perez.

A data de presentación do devandito documento é no mes de xullo de 2018; máis dun ano despois, os grupos municipais descoñecen o estado de redacción do Plan e soamente onte “tivemos coñecemento de parte do mesmo por un medio de comunicación que informou das zonas verdes previstas no documento” sinalou Rubén Pérez. “Este documento é determinante – proseguiu – xa que establece os contidos e obxectivos que rexerán a Avaliación Ambiental Estratéxica, aspecto que motivou a anulación do PXOM de 2008 e que non poden ser tomados á lixeira”.

Marea de Vigo lamenta que finalmente non se apostase por un proceso participativo previo para o diagnóstico socio-ambiental, económico e territorial do modelo de cidade que queremos e especialmente da Memoria Informativa do mesmo xa que “nin grupos municipais nin sociedade civil puideron aportar nesta fase”. Do mesmo xeito, segue a reclamar a participación aberta e horizontal cidadá, un proceso transparente en todos os procesos de elaboración do PXOM, a articulación dun Consello sectorial municipal de seguimento do PXOM e a constitución dunha Comisión municipal específica alén do Consello da Xerencia de Urbanismo.