marea de vigo cualifica de perniciosa a iniciativa municipal “confinarte”.

24 de Abril de 2020

Marea de Vigo cualifica de perniciosa a iniciativa municipal “ConfinArte” e pide ao Goberno local un compromiso serio co sector cultural.

Oriana Méndez: “Instamos ao Goberno local a que rectifique nesta política coa que pretende que os e as creadoras locais produzan gratuitamente. É unha práctica nociva e canto máis cando quen a promove é unha administración pública”

Nos pasados días, o Goberno municipal publicou unha “convocatoria cultural online” chamada “ConfinArte” na que promove que as creadoras e creadores locais envíen as súas propostas artísticas en formato vídeo. Na propia convocatoria, especificábase que tiña que ser feito por un ou unha artista profesional, xunto a unha serie de requisitos en nada relacionados coas artes, e tamén anunciaba que o prezo sería de 0 euros. “Desde o noso punto de vista – explica Oriana Mendez, concelleira da Marea de Vigo – , os distintos axentes do sector cultural, que é amplo e diverso, son moi libres de colocar na rede, en formato aberto a todo o mundo, as súas producións, da mesma maneira que observamos xestos solidarios por parte doutros sectores que pretenden colaborar na recuperación da crise provocada polo coronavirus. Non obstante, a xenerosidade das e dos profesionais de ningunha maneira pode implicar que as políticas dos poderes públicos consistan en promover o traballo non remunerado”.

Coa iniciativa “ConfinArte”, segundo a Marea de Vigo, “o concello de Vigo di promover a cultura online, pero o que fai é fomentar e normalizar a idea de que as creadoras e os creadores viven do aire e de que as producións culturais locais carecen do valor suficiente para seren remuneradas” matiza a concelleira. “Ao mesmo tempo, esta iniciativa desvela con claridade meridiana o que levamos vendo xa dende hai tempo: o actual Goberno local carece dun compromiso sólido e serio cos e coas traballadoras culturais”.

Desde a Marea de Vigo, ínstase ao Goberno local a que rectifique nesta política ou, máis ben, antipolítica cultural coa que pretende que creadoras e creadores locais produzan de xeito gratuíto e lle entreguen o seu traballo non remunerado ao Concello de Vigo nunha sorte de “voluntarismo forzoso”. Do mesmo xeito, desde Marea de Vigo se pon como exemplo unha iniciativa similar que foi implementada en Valencia, orzamentada con 100.000 euros para 100 iniciativas de 1000 euros, “xeito que estaría máis preto da suposta vontade de querer colaborar coa recuperación económica dos centos de artistas locais cos que contamos na nosa cidade”.

“No noso punto de vista, o Concello de Vigo debe reflexionar e actuar en dous posibles sentidos. Ben suprimir por completo a iniciativa “ConfinArte”, por resultar altamente perniciosa para os e as traballadoras do sector; ben reformulala, dotándoa economicamente, poñendo en valor o carácter innovador e a capacidade de experimentación das propostas e, en definitiva, converténdoa nunha iniciativa útil para o sector cultural que, ao mesmo tempo, contribúa á divulgación do panorama creativo vigués entre os distintos públicos” conclúe Oriana Méndez.