marea de vigo cualifica de ‘trapalleira’ e interesada a contratación do mercado de nadal e da noria en vigo.

28 de Novembro de 2019

MAREA DE VIGO CUALIFICA DE ‘TRAPALLEIRA’ E INTERESADA A CONTRATACIÓN DO MERCADO DE NADAL E DA NORIA EN VIGO.

Marea de Vigo non entende como se autorizou xa todo en maio -sen concurso, impedindo que se puidese presentar calquera outra empresa ao proceso- para agora, con todo montado, pretender revocar a licencia de maio e autorizar, cun suposto réxime de concorrencia, o xa instalado. Estamos ante un procedemento que é de dubidosa legalidade.

Marea de Vigo denuncia que no seu día, días antes da celebración das eleccións locais, autorizouse á unha entidade mercantil interesada en instalar nunha zona pública un mercado tradicional de nadal, un parque infantil e unha noria na Praza de Compostela. A propia decisión de autorizar a unha sociedade, Agrupación de Empresarios en la Organización de Eventos, Ferias y Mercados de la Comunidad de Madrid, e non abrir un concurso público é para Marea de Vigo “absolutamente irregular cando se está ocupando un espazo público cobrando taxas e tendo actividade lucrativa”. Porqué non puideron participar e organizar o mercadillo asociacións ou empresas viguesas? Porqué necesariamente tiña que ser está? Son preguntas que a Marea de Vigo quere que se clarifiquen. “Non estamos falando dun mercado de nadal organizado por comerciantes dunha rúa ou unha AAVV senón por unha sociedade mercantil”.

O “extremadamente grave” para Marea de Vigo é que co licenza concedida “se lle permitiu á esa mercantil, sen tramitar ningún procedemento de concorrencia pública e sen mediar ningunha contra-prestación para as arcas públicas (ao eximírselle ao adxudicatario do pagamento de taxas) ocupar unha das entornas urbanas mais céntricas e apetecibles da cidade para facer un suculento negocio, pero sen lle dar a mínima oportunidade de acceso a outros empresarios do sector”.

Marea de Vigo ten a certeza de que a adxudicación desa autorización foi levada a cabo sen tramitarse ningún procedemento competitivo, o que resultaba obrigado por se tratar dun mercado con postos comerciais de venda de distintos produtos ao público, e onde calquera empresario dos sectores do espectáculo e da hostalería, xa fose desta cidade ou do noso país, estaría desexoso de participar dado o suculento negocio que supón esa adxudicación. Marea de Vigo lembra que a Lei do comercio interior de Galicia 13/2010, de 17 de decembro, nos seus artigos 72 e seguintes regulan as condicións nas que deben autorizarse os mercados ambulantes e ocasionais en postos desmontables instalados na vía pública, esixindo de forma obrigada que se tramite sempre un procedemento onde se garanta a transparencia e a imparcialidade así como a publicidade (artigo 76).

Do mesmo xeito, para Marea de Vigo a ordenanza do Concello de Vigo que regula a venda na vía pública e espazos abertos (que pode ser consultada por calquera persoa na páxina web do concello) é meridianamente clara esixindo de maneira obrigatoria que se elaboren unhas bases de acceso ao procedemento de selección do adxudicatario (artigo 29).

Sen embargo o Concello adxudicou directamente á empresa AMFE a licenza para implantar un parque temático de Nadal, pero sen tramitar ningún procedemento público e sen aprobar antes as bases de selección do adxudicatario. A mesma ordenanza require tamén que antes da montaxe dun mercado ou dunha feira se emitan informes previos por parte da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, e mais das Asociacións de consumidores e de usuarios e tamén das Asociacións empresariais da súa demarcación (artigo 29). Marea de Vigo sospeita que non se pediron tales informes nin que se esixiu que se emita un informe previo do servizo municipal de Parques e xardíns por afectar a instalación deste mercado a un parque ou praza axardinada (artigo 29), cuxos xardíns, ademais, están protexidos tanto pola normativa urbanística do Concello (falamos dun xardín histórico) como pola lexislación que regula o patrimonio cultural de Galicia (Lei 5/2016, de 4 de maio). De pretender facer “aparecer” estes informes posteriormente á instalación estaríase incorrendo nun delito grave a xuízo de Marea de Vigo.

É grave tamén que non lle obrigou ao titular da explotación ao pagamento das taxas pola ocupación do dominio público, tal e como obriga a lei 13/2010 do comercio interior de Galicia no seu artigo 72, o Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo (Texto refundido da lei de facendas locais) no seu artigo 20 e mais a ordenanza fiscal reguladora das taxas polo aproveitamento especial do dominio público. Esta exención ilegal das taxas converte á adxudicación nun negocio redondo en prexuízo das arcas públicas.

Marea de Vigo ten tamén sospeitas (sobre todo tendo en conta a rapidez coa que se tramitou a adxudicación e se montaron todas as instalacións polo adxudicatario), que non se adoptaron todas as cautelas nin se emitiron os informes previos necesarios para garantir, antes do outorgamento da autorización, que o lugar de emprazamento elixido para a nora estivese en condicións aptas para a súa montaxe, cando a lei de espectáculos de Galicia (Lei 10/2017, de 27 de decembro) así o esixe no seu artigo 7.

Agora, o Concello pretende de xeito “trapalleiro”, disfrazar todo revocando as licencias anteriores e facendo unha tentativa de informe que autorice de novo baixo un suposto réxime de concorrencia pero o certo é que o empresario beneficiado xa montou todas as instalacións, resulta evidente que de intentarse agora darlle aparencia de legalidade á mesma.

Marea de Vigo solicitará de inmediato ao Concello

1. Unha copia íntegra de todo o expediente administrativo que foi tramitado para o outorgamento da licenza a AMFE autorizándolle á montaxe dunha nora, dun parque infantil e dun mercado tradicional de Nadal nas inmediacións da praza de Compostela e da rúa Areal.
2. Un informe ou certificado do secretario xeral do Concello no que faga constar, tralo cotexo do expediente tramitado, se se deu cumprimento coa adxudicación do mercado de Nadal a AMFE aos requisitos de tramitación previstos na lei do comercio interior de Galicia e na ordenanza reguladora de venda de produtos na vía pública. E que certifique, tamén por ese mesmo funcionario se se deu cumprimento ás ordenanzas fiscais do concello e á lei de facendas locais no tocante á ausencia de pago de taxas pola ocupación do dominio público.
3. Copia das queixas que se puideran ter presentado por veciños do lugar denunciando danos ao arborado e elementos vexetais da Praza de Compostela tralo montaxe do mercado do Nadal e se informe das actuacións realizadas para comprobar eses posibles danos.
4. Copia dos informes técnicos dos funcionarios municipais competentes que fosen emitidos en relación á seguridade do chan onde se localiza a noria xigante que xa está instalada na rúa Areal.