marea de vigo cualifica a nova tarifa da auga como un engano á cidadanía e insiste na remunicipalización do servizo.

1 de Setembro de 2020

Marea de Vigo cualifica a nova tarifa da auga como un engano á cidadanía e insiste na remunicipalización do servizo.

Rubén Pérez: Interpelamos ao alcalde de Vigo a que non volva a mentir usando os medios de comunicación para “vender unha moto” ás viguesas e vigueses que nada ten que ver coa realidade. Nin aforro tarifario nin politicas de incentivar o aforro.

Oriana Méndez: “Insistimos na necesidade de estudar a creación dunha empresa pública municipal de servizos que permita a necesaria remunicipalización de servizos como a auga, o transporte público, servizos sociais básicos e que ao mesmo tempo impida o lucro particular do extraído dos servizos públicos que son de todas as viguesas e os vigueses”.

01/09/2020. Na rolda de prensa ofrecida hoxe polo Grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, o voceiro, explicou con detalle o que van significar os cambios na tarifa da auga recentemente anunciados ostentosamente polo alcalde da cidade, Abel Caballero.

“O truco non está nos novos bloques de tarificación – explicou o voceiro-, senón no ‘movemento’ dos conceptos da propia factura. En lugar de xerar unha redución na factura, tal e como anunciou o alcalde, o que provocará esta nova tarificación é un incremento. De 7,6 € de cuota fixa se pasa a 28,62 €”. Este incremento, segundo o voceiro municipal, “é necesario para cubrir as varias reparacións que precisan infraestruturas como a ETAP de Casal, a de Valadares ou a renovación dos colectores”. Reparacións que levan anos sen ser atendidas “a pesar das ocasións nas que este Grupo municipal así llo reclamou ao Goberno de Abel Caballero” engadiu Rubén Pérez. “Tales reparacións – proseguiu – precisan dun investimento de 100 millóns de euros, que sairá dos petos da veciñanza de Vigo a través desta nova facturación”.

“Isto podería ter sido unha oportunidade para ter un sistema de tarificación máis social que premiase o aforro ante a evidente necesidade dun consumo máis consciente e sostible, nós estamos dacordo co sistema de tramos” enfatizou. Mais “a realidade nada ten que ver con ese sistema, e calquer persoa pode coller a súa factura, ler a súa tarifa, facer o cálculo segundo a nova tarificación, e darse conta da trampa”.

Pola súa banda, Oriana Méndez apelou á necesidade de comezar a levar a cabo políticas de remunicipalización dos servizos municipais. “O 2019 tiña que ter sido o ano das remunicipalizacións, xa non falamos só da empresa que xestiona a auga na nosa cidade, senón das políticas privatizadoras implementadas por este Goberno nos últimos anos” resaltou a concelleira.

“A perda de empresa pública é unha perda patrimonial e social. O concello de Vigo leva anos extinguindo empresas públicas, como foi o caso de Emavisa, así como prazas públicas de emprego tales coma o exemplo que poñíamos onte coa denuncia sobre a privatización da xestion dos espazos deportivos da cidade” explicou Oriana Méndez.

“Non son casos illados – proseguiu Oriana Méndez – temos o caso dos bombeiros, que pese a ter a sentenza gañada, a día de hoxe non existe oferta pública algunha; o caso do VigoZoo, que lonxe de levar a cabo a necesaria reconversión que hoxe volvemos reclamar, estase privatizando a xestión de varios dos seus servizos; ou o caso dos museos, en concreto a Pinacoteca, indo un paso máis aló eliminando o que xa era un servizo concesionado”.

“Todas estas circunstancias afondan na mesma dirección. Insistimos na necesidade de estudar a creación dunha empresa pública municipal de servizos; unha empresa nunca ata o de agora desenvolvida neste concello, que permitiría a necesaria remunicipalización de servizos como a auga, o transporte público, servizos sociais básicos e que ao mesmo tempo impediría o lucro particular do extraído do servizos públicos que son de todas as viguesas e os vigueses” concluíu a concelleira.

*Consulta aquí a documentación do concello sobre o cambio tarifario 

Documentacion auga Vigo 01_09_2020