marea de vigo cualifica o anteproxecto da lei de memoria como “boa nova” aínda que espera que avance no trámite parlamentario por ser insuficiente.

17 de Setembro de 2020

Marea de Vigo cualifica o anteproxecto da Lei de Memoria como “boa nova” aínda que espera que avance no trámite parlamentario por ser insuficiente.

Rubén Pérez: “a pesar de ter sido sacralizada pola vía dos feitos consumados ou a pesar de que se intentase camuflar nun acordo do Pleno nos primeiros anos da democracia, a Cruz do Castro non deixa de ser unha simboloxía análoga á cruz de Cuelgamuros, e debe ter o mesmo tratamento”.

Vigo, a 17-09-2020. Marea de Vigo considera a tramitación do anteproxecto de Lei de Memoria Democrática como “unha boa nova”, mais, segundo sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, “consideramos que segue sendo insuficiente ante as aportacións feitas por parte das asociacións de Memoria, non recollidas polo de agora no texto do anteproxecto” .

“En todo caso – prosigue o voceiro – , nos cinco títulos que estamos a ver hai un avance importante, que esperamos teña movementos por parte do Goberno local en cuestións como a reparación dos centos de funcionarios municipais represaliados ao longo da dictadura, e o recoñecemento ás persoas que foron asasinadas, represaliadas e mesmo as que tiveron que exiliarse”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo considera que merece especial atención o comportamento da Igrexa Católica durante a ditadura, tendo, no caso de Vigo, a súa representación na Cruz do Castro. Para a Marea de Vigo segue sendo “irrenunciable” que desapareza ese símbolo fascista, xa que, “a pesar de ter sido sacralizada pola vía dos feitos consumados ou a pesar de que se intentase camuflar nun acordo do Pleno nos primeiros anos da democracia, non deixa de ser unha simboloxía análoga á cruz de Cuelgamuros, e debe ter o mesmo tratamento” matiza Rubén Pérez. No caso de que non se recolla isto na nova lei e símbolos como a Cruz do Castro queden fóra, no período correspondente ás emendas da lei, Marea de Vigo remitirá as súas propostas aos Grupos parlamentarios do Congreso.

Alén da cuestión da Cruz do Castro, “imos estudar outras cuestións que quedaron atrás na anterior lei como por exemplo a significación e sinalación de lugares de memoria, tal e como levamos solicitando ao Goberno local dende a anterior lexislatura” engade Rubén Pérez. “Vigo ten numerosos lugares de memoria, tanto no tramo urbano da cidade como en moitas das parroquias. O antigo frontón en María Berdiales, o propio MARCO, sobre o cal se lle pediu ao Concello a colocación dunha placa que idenficara o lugar como o que foi, un lugar onde o franquismo encarcelou e executou a moitos vigueses e viguesas, son exemplos de lugares de memoria que deberían estar sinalizados como tales” conclúe o voceiro.