marea de vigo cualifica o proxecto orzamentario do alcalde do psoe como impropio para unha cidade coas eivas sociais que ten vigo.

6 de Novembro de 2018

Marea de Vigo cualifica o proxecto orzamentario do alcalde do psoe como impropio para unha cidade coas eivas sociais que ten vigo.

Rubén Pérez: “Toda a campaña de grandilocuencias por parte do alcalde só é unha mera pantalla para tapar a realidade dos números do proxecto orzamentario, que non son máis que unha continuación dos anteriores”.

Vigo, 6-11-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo cualificaba hoxe en rolda de prensa o proxecto orzamentario municipal para o 2019 como “continuísta”, no que “ a meirande parte do incremento nas partidas só vén porque a Xunta deixou de co-financiar certos servizos, non sendo unha opción para o Concello ter que asumir ese gasto, senón unha obriga”.

Rubén Pérez incidiu na cuestión da “suposta conxelación” dos impostos. “É rotundamente falso que haxa unha conxelación impositiva, o que hai é una ‘postergación’ impositiva, subindo os impostos pasado o ano electoral, tal e como fixo o mesmo Abel Caballero no 2015. Pola contra – engade o voceiro do grupo municipal – as empresas concesionarias, como é lóxico, si que están aplicando as subas impositivas, e polo tanto para o ano que vén se lles pagará coas subidas que , en anos posteriores repercutirán indubidablemente na cidadanía”.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo critica que “nunha cidade onde os niveis de exclusión social aumentan, aumenta o número de persoas que solicitan as RISGAS, e os seus servizos sociais están colapsados, mantéñense os mesmos importes en partidas como as bolsas do comedor escolar ou o alugueiro vivenda e a suficiencia enerxética”.

Marea de Vigo tamén cualifica como “continuísta” o estado de execución que se vai dar neste próximo exercicio orzamentario, cando, “xa de partida, se recoñece que un 20% non vai ser executado, á vez que recoñecen que no propio orzamento do 2018, no referente ao capítulo de investimentos, está comprometido menos do 50%, e dicir, aínda é moito menor a cantidade que xa foi executada a mes de novembro” engade Rubén Pérez.