marea de vigo cualifica a proposta de modificación do regulamento do pleno trasladada polo goberno local como antidemocrática.

3 de Febreiro de 2021

Marea de Vigo cualifica a proposta de modificación do Regulamento do Pleno trasladada polo Goberno local como antidemocrática e contraria ás normas de transparencia que deben rexer no Concello.

Oriana Méndez: “Mentres que as intervencións da oposición están cada vez máis limitadas, o Goberno de Abel Caballero duplica as súas intervencións”.

Vigo, 03-02-2021. No día de onte coñecíase a nova proposta de modificación do Regulamento do Pleno do Concello de Vigo presentada polo Goberno de Abel Caballero, que, segundo Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo “incide en afundir a calidade democrática do Concello de Vigo e contravén novamente ao Código de boas prácticas da FEMP”, polo que Marea de Vigo presentará de novo emendas á esta nova modificación do Regulamento “na que o Goberno local continúa na senda de avanzar de costas á cidadanía e á transparencia” matiza a concelleira.

Marea de Vigo cualifica esta nova modificación como unha “nova volta de torca” á actitude de desprezo por parte do Goberno local e nomeadamente o seu alcalde, cara aos grupos da oposición. “Na nova modificación, por exemplo, pretenden aprobar que cando intervén un concelleiro do Goberno para expor unha cuestión propia da súa competencia, tamén intervirá outro concelleiro do PSOE, coma se non se tratase de dous concelleiros do mesmo grupo que obviamente van defender o mesmo” expresa Oriana Méndez.

Nesta liña, a concelleira da Marea de Vigo, Oriana Méndez, incide no que acontece en todos os plenos. “O desprezo polas intervencións da oposición obsérvase na actitude sistemática do alcalde en canto comeza o turno dos grupos políticos para presentar as súas mocións e iniciativas: Levantarse e marchar. O alcalde levántase e vaise desatendendo as súas funcións, recollidas na Lei de Bases de Réxime Local relativas a presidir os plenos e a organizar o debate nos mesmos. Faino sistematicamente en todas as sesións plenarias ordinarias”. Para Marea de Vigo, “iso tamén é unha mostra máis do desprezo á democracia, porque o Pleno do Concello debera ser o máximo órgano de expresión democrática da cidade” dí a concelleira.

Outro ataque á transparencia foi, segundo Marea de Vigo, o acontecido no último Pleno ordinario. “Co argumento da dixitalización dos Plenos, o Goberno local aproveitou para aprobar algo que lle interesa moito: que non quede rexistro audiovisual dos Plenos do Concello para a súa consulta pública, quedando soamente o rexistro de audio – explica Oriana Méndez -. Estamos de novo diante dunha anomalía democrática que se produce no principal concello de Galicia, mentres que no resto de cidades, tanto de Galicia como do estado, teñen os seus plenos gravados en rexistro audiovisual. Falamos de sesións públicas, dun exercicio esencial de transparencia que permita o coñecemento e información dos debates que no Pleno do Concello damos todos e todas as representantes”.

Marea de Vigo defenderá o rexistro audiovisual dos Plenos para a consulta pública en calquera momento o lugar, unhas quendas de intervención equilibradas “que non estrangulen o tempo de ningún grupo político representante da vontade popular”, así como outras cuestións que amplían a participación da cidadanía nos asuntos públicos como o escano cidadán, figura que no 2016 defendeu que se incorporase ao Regulamento do Pleno como modo de participación directa da cidadanía no Pleno do Concello, como acontece en moitos concellos do estado, “e que o Goberno de Abel Caballero rexeitou e polo tanto, vetou” engade a concelleira.

Trátase de cuestións fundamentais que cremos que cómpre debater con urxencia para avanzar na democracia real no Concello de Vigo.Presentarémolo como xa fixemos no 2016, e, como entón, seguimos a defender a ampliación da participación democrática nos asuntos públicos.