marea de vigo cuestiona o sistema de mantemento das obras feitas baixo o programa vigo vertical, financiadas pola ue.

23 de Xaneiro de 2020

Marea de Vigo cuestiona o sistema de mantemento das obras feitas baixo o programa Vigo vertical, financiadas pola UE.

O Grupo municipal critica a improvisación no mantemento destas obras, existindo casos nos que unha infraestrutura está máis dun mes sen reparar, coma o ascensor de Marqués de Valterra e outros nos que se pretende usar partidas orzamentarias adicadas ás melloras e reparacións de viais da cidade, como acontecerá coa obra de Gran Vía.

23-01-2020. Para a Marea de Vigo, isto só é consecuencia das “políticas curtopracistas, caprichosas, electoralistas e improvisadas do Goberno de Abel Caballero no seu afán inaugurador, deixando, tras a pompa e o anuncio, obras con avarías constantes, ascensores que levan máis dun mes sen funcionar ou elementos ornamentais descoidados” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Outro exemplo, neste caso futurible, é o caso do proxecto de Gran Vía, no que se recoñece abertamente e por escrito que o mantemento financiarase co orzamentado para o mantemento da rede viaria da cidade, deixando este a priori sen recursos. “É un grave erro dilapidar eses recursos a costa das necesarias melloras nas estradas viguesas, melloras e arranxos que, sobre todo no rural, son especialmente necesarias ” engade Rubén Pérez.

Marea de Vigo vén de solicitar, no día de hoxe e a través dun escrito, información detallada sobre as avarías das infraestruturas vinculadas ao programa Vigo Vertical dende o seu inicio, no que pide se inclúan os contratos de mantemento vinculados a tales infraestruturas, informes sobre as incidencias e os tempos de resposta, e os custes das mesmas.