marea de vigo cuestiona que a nova xestión de vigosónico vaia cubrir as necesidades dos grupos de música, que levan máis dun ano reclamando a súa apertura.

9 de Febreiro de 2022

Marea de Vigo cuestiona que a nova xestión de VigoSónico vaia cubrir as necesidades dos grupos de música, que levan máis dun ano reclamando a súa apertura.

Marea de Vigo valora de xeito positivo que, finalmente, se iniciase a comunicación entre a Concellería de Xuventude e as persoas usuarias do VigoSónico, “algo que viñamos demandando dende hai máis dun ano, así como os propios grupos que alí ensaiaban” sinala Oriana Méndez.

Vigo, 09-02-2022. Marea de Vigo alberga moitas dúbidas con certos anuncios que se fan dende o Goberno local coma o feito sobre o VigoSónico. “Vemos unha forte aposta por virar o espazo de VigoSónico cara ao emprendemento musical, o marketing e a industria musical a través dun convenio coa fundación Paideia, pero moi pouco compromiso co que, de xeito claro e público, estaban pedindo os grupos que ensaiaban no VigoSónico”. A concelleira alude as dúbidas ao feito de que xa pasaron case dous anos despois do peche das instalacións, “e os usuarios e usuarias ou a cidadanía que quixese utilizar ese espazo seguen sen saber cando abriran as salas de ensaio e en que condicións se vai retomar ese servizo” engade.

Oriana Méndez advirte polo tanto que a pesar da xuntanza mantida entre a Concellería de Xuventude e os grupos musicais, “non debemos enganarnos, porque o acontecido non foi un diálogo, xa que a devandita xuntanza celebrouse unha vez que a concelleira xa anunciara en rolda de prensa a súa ‘medida estrela’ para VigoSónico: o convenio coa fundación Paideia”.

Marea de Vigo pregúntase se verdadeiramente o Goberno local cre que os centos de persoas que estaban usando VigoSónico o que estaban era demandando un “coaching empresarial”, porque “se é así – apunta Méndez -, hai un problema de entendemento”. A concelleira insiste en que tanto os grupos de música como a oposición “fumos claros e levamos dicíndollo máis dun ano: Poña o espazo de VigoSónico a disposición da mocidade e do conxunto da cidadanía abrindo as salas de ensaio nas condicións sanitarias que sexan precisas e non reduzan o horario. Do contrario, o único que temos son anuncios baleiros e en todo caso destinados a cubrir outros intereses distintos dos intereses daqueles grupos musicais que ensaiaban no VigoSónico” conclúe.