marea de vigo cuestiona que o concello empregue de xeito prioritario o instrumento de ordenación provisional para sacar adiante superficies comerciais que abafan aínda máis ao comercio local.

22 de Novembro de 2019

Marea de Vigo cuestiona que o Concello empregue de xeito prioritario o instrumento de ordenación provisional para sacar adiante superficies comerciais que abafan aínda máis ao comercio local.

Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo, denuncia que coa actuación de incluír no IOP o ámbito Cruceiro en Alcabre o pasado mes de xullo e a intención de facer o mesmo co ámbito comercial de Recaré o vindeiro martes no Consello da Xerencia de Urbanismo o Goberno local “entrega a cidade ás grandes superficies comerciais”.

Marea de Vigo considera que sería unha ilegalidade manifesta pretender tamén por esta vía revivir o proxecto de centro comercial en Liñeiriños (Porto Cabral) e espera que Xunta e Concello “non se lles pase pola cabeza facelo” como demanda o grupo inversor promotor.

Vigo, 22-11-2019. Marea de Vigo alerta da práctica perigosa de darlle saída aos ámbitos urbanísticos onde van a ubicarse centros comerciais empregando a inclusión dos mesmos no Instrumento de Ordenación Provisional, “que se ben non leva nin un ano vivo, xa serviu para meter a calzador o ámbito comercial de Cruceiro en Alcabre e o vindeiro martes o de Recaré no entorno da Avenida de Madrid. Unha mala nova para un comercio local que languidece na nosa cidade ante a inoperancia do Goberno local” matiza Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera que estas actuacións son as que xustificaron o seu voto en contra da aprobación definitiva do instrumento de Ordenación Urbanística Provisional xa que, segundo a Marea de Vigo, “ademais das irregularidades no proceso de notificación e no discutible formato agrupado de contestacións das alegacións presentadas, a Ordenación Urbanística Provisional constitúe un memorial de provisionalidades urbanísticas que non axudan a que teñamos un planeamento acorde a este tempo da post-crise do ladrillo, e tampouco axudan a implicar urbanísticamente á cidade”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo, que presentou emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2020 pedindo un estudo do impacto das grandes superficies en Vigo e unha moratoria posterior no outogamento de licencias deste tipo por saturación de áreas comerciais, esixe á Xunta de Galicia, artífice do IOP, que “non colabore por acción ou omisión, na posibilidade de que o pelotazo urbanístico de Porto Cabral acabe colado pola porta de atrás no instrumento urbanístico sen que Vigo teña PXOM previo que sosteña e avalíe a globalidade das superficies comerciais presentes e futuras na cidade”. “O urbanismo non pode ser un curta e pega de ámbitos ao antollo de promotores e gobernos locais – incide Pérez – A Xunta debería asumir a súa función ‘normativizadora’ para evitar situacións absolutamente inconsistentes en termos legais e urbanísticos”.

Marea de Vigo esixe tamén que os traballos realizados de cara ao novo PXOM sexan xa entregados aos grupos municipais, xa que nun ano a partir da aprobación da Ordenación Provisional ten que estar o borrador do PXOM redactado e levado a Pleno, e polo de agora apenas se coñece a existencia da memoria socioeconómica do mesmo.