marea de vigo defende que os fondos europeos de recuperación sexan transferidos directamente aos concellos.

6 de Abril de 2021

Marea de Vigo defende que os fondos europeos de recuperación sexan transferidos directamente aos concellos.

Rubén Pérez: “Son as administracións locais as que estiveron máis ao fronte á hora de paliar a crise económica causada pola pandemia e eses recursos deben mitigar ese gasto inxente”.

Vigo, 06-04-2021. Hai máis de 30 anos se conseguira un consenso na Asemblea da FEMP no que se falaba dun reparto do 33% entre Estado, CCAA e concellos, mais hoxe en día apenas o 15% dos recursos impositivos son xestionados polos concellos, “e as consecuencias – apunta Rubén Pérez – son que cando chega unha pandemia son concellos os que se poñen diante sendo a primeira administración que responde ante a cidadanía dando axudas directas”.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo reitera o compromiso da formación municipalista na defensa da autonomía financeira das entidades locais, neste caso ante a posibilidade de recibir fondos da UE. “Defenderemos que os fondos europeos, polo menos no ano 2021, vaian directamente aos concellos – sinala – . Estes recursos deben vir como unha transferencia directa con control e con concorrencia xa que son os concellos as administracións que estiveron máis ao fronte á hora de paliar a crise económica causada pola pandemia e eses recursos deben mitigar ese gasto inxente”.

Na contra, Rubén Pérez critica a actitude da Xunta neste sentido cualificándoa como “parasitaria” ante os recursos da UE. “A Xunta pretende exercer un absoluto obscurantismo na distribucion destes recursos apostando ademais pola empresa privada como xestora” engade.

No tocante á figura de Abel Caballero como Presidente da FEMP, Pérez incide en que “a FEMP ten claro o seu programa e Abel Caballero non pode confundir esa institución co propio concello, ali non vale o ‘cesarismo’ que aplica no Concello de Vigo, debe adaptarse ao marco democrático e de consenso que significa a FEMP e non pode olvidar o que se lle traslada na FEMP por parte do resto dos alcaldes e alcaldesas á hora de negociar co Ministerio de Facenda” conclúe o voceiro.