marea de vigo defenderá unha moción pola mellora da lei de inclusión social de galicia garantindo un ingreso por persoa acorde ao arope.

23 de Abril de 2018

MAREA DE VIGO DEFENDERÁ UNHA MOCIÓN POLO AXUSTE DAS PRESTACIÓNS SOCIAIS AO INDICADOR EUROPEO QUE MIDE O MÍNIMO DE INGRESOS POR PERSOA (INDICADOR AROPE).

A moción, que será defendida pola concelleira Marga L. Barreiro, vén impulsada por varios colectivos e movementos sociais da cidade vinculados aos dereitos e á xustiza sociais: A PAH de Vigo Tui-Baixo Miño, A Rede de Solidariedade Popular (RSP) e Os Ninguéns, e previamente foi presentada por eles a todos os grupos municipais da Corporación.

Vigo 24-04-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo levará ao vindeiro Pleno Municipal deste mércores unha moción na que se instará ao goberno da Xunta, que actualmente está tramitando o desenvolvemento da Lei 10/2013 de Inclusión Social de Galicia, á asunción e incorporación dunha serie de medidas sobre este proxecto de lei, lei que regulará a medio prazo a prestación da RISGA e outras axudas de inclusión social.

Neste sentido, o primeiro acordo da moción, en consonancia co contido da Carta Social Europea e a Rede Galega e Europea contra a Pobreza, pide a incorporación das medidas precisas para que as cuantías da RISGA se acheguen ao indicador AROPE, indicador vén recoller unha visión multidimensional da pobreza e a exclusión social na que se contabiliza a poboación que se atopa en risco de pobreza. En base a isto, a UE estableceu as cuantías de 684 euros mensuais por persoa e 1680 euros/mes para un fogar de dous adultos e dous menores para medir o risco de pobreza e/ou exclusión social.

En canto aos datos en Galicia, tal e como se expresa na moción, “Segundo o Informe ‘O estado da pobreza en Galicia’, elaborado en 2017 pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), a partir de datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), do Instituto Galego de Estadística (IGE) e do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, había en Galicia, a finais de 2016, 690.505 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, que representa o 25,4% da poboación. En Vigo, esta cifra situábase en 61.400 persoas, o que representa o 21% da poboación” .

Marga L. Barreiro, incide en que “na nosa cidade está a incrementarse exponencialmente a pobreza e a exclusión social. Somos xa a cidade galega onde se detecta o maior aumento de solicitudes da RISGA nos pasados anos, triplicándose dende o inicio da crise.”

Tanto para a Marea de Vigo como para os colectivos promotores da moción, “a actual prestación económica da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) non cumpre os criterios da lexislación en vigor, pois segue mantendo aos beneficiarios no limiar da pobreza, da exclusión social, e non cubre as necesidades básicas, provocando estados de pobreza crónicos herdados por fillas e fillos. Do mesmo xeito tampouco a RISGA axuda a solucionar os problemas de aloxamento, pois o complemento de aluguer previsto é equivalente ao 10% do IPREM (situado hoxe nos 537 euros), é dicir, pouco máis de 50 euros ao mes” polo que tamén se insta na moción, ao artellamento dun complemento de vivenda que supere os 50 euros actuais se a persoa titular ten que pagar un aluguer ou hipoteca.

En canto ao resto dos acordos da moción, pídese a elaboración dunha Carta de Servizos Sociais que facilite o acceso ao contido da Carteira de Servizos Sociais de Inclusión e, a mellora do decreto de desenvolvemento da lei de inclusión social de Galicia a través de medidas cara á personalización das axudas (referente a existencia de máis dunha persoa perceptora no mesmo domicilio), a ampliación aos 18 anos para poder percibir a RISGA e a garantía de poder percibila soamente co empadroamento, eliminando o requisito de “residencia legal”.

“O fomento da participación e o acceso aos recursos, a creación de espazos de coordinación e traballo técnico en torno á loita contra a pobreza, contando cos colectivos e movementos sociais que, froito da experiencia posúen un coñecemento da situación axustada á realidade, xunto coa dotación orzamentaria necesaria, son factores fundamentais á hora de afrontar a loita contra a pobreza e a exclusión social” remata Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.