marea de vigo demanda ao goberno municipal que recolla as demandas da comunidade educativa viguesa e reclame á consellería de educación un curso escolar seguro.

24 de Agosto de 2020

Marea de Vigo demanda ao Goberno municipal que recolla as demandas da comunidade educativa viguesa e reclame á Consellería de Educación un curso escolar seguro.

Oriana Méndez: “Solicitamos un compromiso explícito do Concello de Vigo, que conta cun alto índice de poboación en idade escolar, para que esixa á Concellería de Educación da Xunta de Galicia a escoita e o diálogo activo coa comunidade educativa de Vigo”.

Vigo, 24-08-2020. Ante o inminente inicio de curso, e ante a pasividade e falla de vontade por parte da Consellería de Educación, Marea de Vigo incide na necesidade dun compromiso sólido desde o Concello de Vigo. “Un compromiso que pule por garantir un inicio de curso seguro” matiza Oriana Méndez. No día de hoxe, o Grupo municipal rexistrou unha moción na que se recollen as demandas da comunidade educativa ao respecto.

“Dende o mes de marzo a Conselleira de Educación négase a atender as necesidades que están a poñer enriba da mesa tanto sindicatos como asociacións de nais e pais do alumnado para o inicio e desenvolvemento do curso escolar de modo seguro. – explica Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo – O unico que ofreceu a Conselleira é un protocolo, elaborado de xeito unilateral, baleiro de medidas que garantan tanto a seguridade como o dereito a unha educación de calidade para todo o alumnado”.

Entre outras carencias, o protocolo non contempla a contratación de novo profesorado que garanta a necesaria baixada da ratio nas aulas nin a distancia interpersoal. “A seguridade non está garantida se seguimos mantendo 25 ou 30 alumnas e alumnos por aula” engade a concelleira.

Os servizos como o de comedor, que afecta en Vigo a máis de 2000 estudantes, o servizo de madrugadores ou mesmo as actividades extraescolares, servizos xestionados dende hai máis de 20 anos polas asociacións de nais e pais, “tamén están neste momento no aire”.

Isto acontece, segundo Oriana Méndez “tanto pola imposibilidade do diálogo coa Concelleira Pomar como pola ausencia dunha verdadeira aposta por unha educación universal, pública e de calidade”.

“Dende a Marea de Vigo solicitamos un compromiso explícito do Concello de Vigo, que conta cun alto índice de poboación en idade escolar, para que esixa á Concellería de Educación da Xunta de Galicia a escoita e o diálogo activo coa comunidade educativa de Vigo” resalta Oriana Méndez.

“Cómpre reactivar o Consello Municipal Escolar como órgano de encontro dos axentes da comunidade educativa da cidade e cómpre o apoio esplícito do Concello de Vigo cos actos reivindicativos que sexan promovidos e convocados pola comunidade educativa de Vigo, poñendo a disposición os recursos técnicos e de seguridade necesarios para a súa celebración” conclúe a concelleira.