marea de vigo demanda o vitrasa gratuíto para os veciños e veciñas durante a campaña de nadal

15 de Novembro de 2022

O Voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera que as veciñas e veciños de Vigo deben ser compensadas polos numerosos contratempos e a redución da mobilidade urbana que traen consigo as instalacións do nadal para as persoas que viven, traballan e pagan impostos na cidade.

15/11/2022

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, propuxo hoxe que o transporte urbano de Vigo sexa gratuíto durante os meses que dure a campaña do nadal polo agravio evidente en solucións de mobilidade que vai supoñer para os vigueses e viguesas. Marea de Vigo propón unha medida que xa opera para eventos concretos e mesmo de xeito permanente en varias cidades europeas e que trataría así de “compensar aos veciños e veciñas de Vigo que ven como durante case catro meses a cidade se convirte nun embotellamento permanente. Durante este tempo as opcións de tránsito quedan reducidas e os tempos de traslado entre domicilios, lugares de traballo, de estudo ou centros sanitarios complícanse moito”. É un xeito de devolverlles o feito de que a súa cidade quede secuestrada para o desfrute de miles de paseantes e excursionistas. Marea de Vigo lembra ademais que o transporte público de Vigo xa está subvencionado nun 30% polo Goberno do Estado ate decembro, o que significaría un impacto menor nas arcas municipais.

A este factor de dificultade de mobilidade súmase, a xuízo de Marea de Vigo, o feito de ter planificado erroneamente un macro centro comercial como Vialia con espazos de ocio no centro urbano, en lugar de ter adaptado a oferta deste espazo á realidade dunha estación intermodal, ademais do feito de ter retrasado, de xeito delibero ou por incapacidade de xestión, numerosas obras públicas nas rúas do centro da cidade ao mesmo tempo.

“O que provoca esta situación son decisións políticas, non cuestións técnicas ou accidentais, e significan que case catro meses ao ano complican a vida dos vigueses e viguesas, especialmente das persoas maiores e das que teñen que desprazarse necesariamente ao centro da cidade por motivos laborais ou escolares”. Xa que non hai opcións de transporte urbano que conecten en tempos e frecuencias óptimas o centro e as parroquias “o Concello debe asumir que son miles de vigueses e viguesas os e as sacrificadas e que o retorno económico non pode ser a escusa para ter unha cidade en estado de excepción durante meses”

Os vigueses e viguesas teñen dereito a un desfrutar dun nadal equilibrado coas súas vidas diarias, que conxugue descanso co lecer e fomento do consumo no comercio e hostalería local. O turismo excursionista, que en case todas as grandes cidades do estado tenta reducirse “en Vigo chámase permanentemente a encher rúas e colapsar vías. Vigo ten que apostar por un turismo que durma e consuma nos recintos hostaleiros de toda a cidade, non en dous quilómetros cadrados no centro exclusivamente”.