marea de vigo demándalle ao goberno local a apertura das piscinas de samil coas medidas de seguridade e sanidade que sexan precisas.

22 de Xuño de 2021

Marea de Vigo demándalle ao Goberno local a apertura das piscinas de Samil coas medidas de seguridade e sanidade que sexan precisas, dando ademais unha solución ao persoal da concesión.

 

Rubén Pérez: “Hai que adaptar as infraestruturas á situacion covid, e ten que haber un control de aforos nas piscinas ao igual que ten que habelo nos concertos ou en calquer tipo de evento de participación colectiva. O que non é aceptable é que na mesma liña que co resto das concesións municipais, cando se toman decisións no ámbito político non se teñan en conta como estas afectan ao persoal destas empresas”.

 

Vigo, 22-06-2021. Ante a ameaza expresada polo Goberno local sobre a non apertura das piscinas de Samil durante este verán a causa das restriccións que pon á Xunta, Marea de Vigo pídelle ao Goberno de Abel Caballero que “deixe de lado a súa interesada e persistente pugna coa Xunta e que tome as medidas de seguridade que sexan necesarias para garantir a apertura do espazo” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

 

Para Marea de Vigo, “o preocupante disto é que o Concello de Vigo é sabedor da existencia dun contrato de mantemento e xestión destas piscinas”, apunta o voceiro. Trátase dun servizo que antigamente estaba adscrito a parques e xardíns e na actualidade atópase adscrito ao contrato de mantemento de parques infantís e áreas biosaudables. “Ata 12 persoas entre socorristas e encargadas/os da limpieza e mantemento das piscinas que se suman a ese contrato para traballar nas piscinas durante a época estival” engade. Se o concello anuncia que as piscinas non abren, “están deixando a esas 12 persoas, vinculadas con ese contrato, nun ‘limbo laboral’ e sen ter a certeza de cal vai ser o seu futuro” sinala Rubén Pérez.

 

“O que debe facer o Concello de Vigo – segundo Pérez -, é cuantificar os custos dun sistema de control de aforos e se quere, buscar que ese custo sexa subvencionable pola Xunta a través dun convenio”. En todo caso, para Marea de Vigo, “o que non debe facer é suspender o servizo, xa que máis aló do que lle supón ás persoas usuarias, isto prexudica gravemente as e os traballadores que están adscritos a ese contrato” suliña.

 

De novo, Marea de Vigo denuncia que “o silencio sexa a norma do Goberno de Abel Caballero á hora de dar resposta á representación sindical das e dos traballadores – afirma o voceiro -, tal e como tamén ten acontecido neste caso, cando dita representación se ten dirixido ao Concello para coñecer a situación na que quedaría o persoal de piscinas e non obtiveron resposta algunha”.

 

Marea de Vigo pedirá que se leven a cabo controis de aforos mentres a situación sanitaria así o requira. “O Concello ten que facer valer dunha vez os dereitos dos traballadores e traballadoras desta concesionaria así coma o dereito da veciñanza a disfrutar dunha infraestrutura coas medidas de seguridade e sanidade que sexan precisas, con independencia do seu custo, tal e como debe ser neste momento no que hai que priorizar recursos para cuestións coma o control de aforos antes que outros gastos cando menos discutibles nunha situación de pandemia” conclúe o voceiro municipal.