marea de vigo demandalle á xunta que asuma as súas competencias en materia de vivenda e servizos sociais e cualifica a suba da risga coma “unha maquillaxe a todas luces insuficiente”.

5 de Outubro de 2021

Marea de vigo demandalle á Xunta que asuma as súas competencias en materia de vivenda e servizos sociais e cualifica a suba da RISGA coma “unha maquillaxe a todas luces insuficiente”.

Marea de Vigo reitera a súa demanda sobre a compatibilidade da RISGA e o IMV ante o recente anuncio da Xunta sobre unha suba da RISGA.

Oriana Méndez: “Lamentablemente, con esta Xunta que nega apoio e integración a miles de galegos e, nomeadamente, a miles de vigueses e viguesas que o precisan, un Concello coma Vigo ten que dalo todo para chegar onde a Xunta non chega e actuar coma un escudo social para a veciñanza”.

Vigo, 05-10-2021. Ante o recente anuncio da suba da RISGA por parte do Goberno de Feijoo, Marea de Vigo considera que de asumir a Xunta as súas competencias en materia de Servizos Sociais, “non terían que estar os Concellos reforzando con recursos propios estes servizos, cuxa responsabilidade corresponde á administración autonómica” sinala Oriana Méndez, concelleira do Grupo municipal. “Por mor da COVID19, os concellos galegos tiveron que gastar unha grande parte de recursos propios mentres a Xunta miraba para outro lado” engade.

A suba da risga é “puro maquillaxe” incide a concelleira. “O que é urxente e necesario é que esta axuda sexa compatible e complementaria ao Ingreso Mínimo Vital, máxime coas dificultades habitacionais que están xurdindo no último ano e coa previsión de desafiuzamentos para os vindeiros meses, nos que moitas familias poden quedar en situacións de extrema gravidade” detalla.

Marea de Vigo afirma que é preciso dotar de máis recursos en materia de vivenda para afrontar o que previsiblemente vai suceder nos próximos meses. “Esiximos solucións habitacionais para as familias máis vulnerables na nosa cidade dentro das responsabilidades que ten a Xunta en materia de vivenda, lonxe dos programas dos que dispoñen na actualidade, amosados claramente inoperantes” matiza a concelleira, referíndose concretamente ao Plan Reconduce, xestionado por Provivenda.