marea de vigo demandará políticas urxentes en materia de vivenda con protección pública no vindeiro pleno.

25 de Setembro de 2020

Marea de Vigo demandará políticas urxentes en materia de vivenda con protección pública no vindeiro Pleno.
Oriana Méndez: “Esixímoslle ás tres administracións, ao Goberno do estado, á Xunta e ao Goberno local, que desenvolvan as súas competencias en materia de vivenda, reforzando a protección para a veciñanza máis vulnerable”.

Vigo, a 25-09-2020. Marea de Vigo vén de rexistrar unha moción que será debatida no Pleno do vindeiro mércores na que instará ás tres administracións a tomar medidas urxentes ante o agravamento dos problemas habitacionais provocados pola crise da COVID-19. “Galicia, e en concreto, Vigo, están á cola do estado en vivenda de protección, a crise económica derivada da COVID-19 vai comprometer e está comprometendo xa o dereito a unha vivenda digna para miles de veciñas e veciños de Vigo” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
“O IGVS rexistra en Vigo unha inmensa demanda de vivenda en alugueiro, máis do dobre da segunda cidade, A Coruña” expón a concelleira. “Este rexistro debería funcionar como un orientador sobre a cantidade de vivenda de protección que ten que promocionarse, mais nos últimos cinco anos, a Xunta só iniciou unha media de 15 vivendas ao ano. Vigo segue sen contar cun parque público de vivenda co que poder ofrecer alternativa habitacional en forma de alugueiros sociais estables a aqueles veciños e veciñas da cidade que así o precisan” .
Coa crise da COVID-19 aumentou exponencialmente a problemática habitacional, e moitas familias acudiron ás administracións autonómica e local na procura de axudas, “axudas que en moitos casos non chegaron, coma o caso do programa Reconduce, sorprendentemente sen recursos a pesar das transferencias feitas ás CCAA precisamente para paliar a problemática económica e social derivada da crise da COVID-19” apunta Oriana Méndez.
Ante esta situación, tanto a Xunta, que ten as competencias na materia, coma o Concello de Vigo, “deben desenvolver os necesarios instrumentos de resposta, especialmente as emerxencias habitacionais da nosa cidade” engade a concelleira.
“Esiximos ás tres administracións, ao Goberno do estado, á Xunta e ao Goberno local, a que desenvolvan as súas competencias en materia de vivenda, reforzando a protección para a veciñanza máis vulnerable” conclúe Oriana Méndez.