marea de vigo denuncia a absoluta improvisación e a “secuenciación oportunista” de moitas das obras que se están executando actualmente no casco urbano.

13 de Setembro de 2022

Marea de Vigo denuncia a absoluta improvisación e a “secuenciación oportunista” de moitas das obras que se están executando actualmente no casco urbano.

Rubén Pérez: “Esiximos unha planificación real das obras na cidade, e que se exprese públicamente ao conxunto da veciñanza cal é o estado real das obras, os seus prazos de licitación e de execución das mesmas”.

Vigo, 13-09-2022. Marea de Vigo lamenta que novamente “volvemos asistir de forma descarnada a esta ‘teima’ de Abel Caballero de ir retrasando multitude de obras para facelas coincidir, no último tramo de lexislatura, coas inauguracións das mesmas” afirma Rubén Pérez. Esta práctica, segundo lembra o Grupo municipal, “baséase na concentración destas obras nos meses previos ás eleccións municipais co obxectivo de encher as páxinas de inauguracións, unha ‘dopaxe política’ a todas luces” apunta Pérez.

Marea de Vigo incide en que este xeito de gobernar, “sumado á total improvisación e á falla de coordinación á hora de decidir os cortes e aperturas das rúas”, está provocando que nestes días o centro da cidade sexa “absolutamente impracticable” matiza Pérez, advertindo que esta realidade “vai ser a tónica xeral durante o próximo inverno e de agora ás vindeiras eleccións municipais xa que ás obras que se están levando a cabo neste momento, sumaranse todas as que xa tiñan que estar executadas fai anos pero que se incorporan no último tramo debido a esa ‘teima’ do alcalde por concentrar as inauguracións arredor da campaña electoral”.

Mais a esta dinámica xa consolidada hai que sumarlle o evidente retraso das obras a consecuencia das sucesivas paralizacións a causa pandemia da COVID19, a crise de falla de materiais, “ou a constante incapacidade da mesa de contratación para sacar as licitacións públicas en tempo e forma” suliña o voceiro.

Marea de Vigo esixe unha planificación real das obras na cidade, que se exprese públicamente ao conxunto da veciñanza cal é o estado real das obras, os seus prazos de licitación e de execución das mesmas, “xa que o que vemos é que se pretende converter á nosa cidade nun escaparate que funciona ao arbítreo dunha persoa que o único que busca é pasearse durante os meses previos ás eleccións municipais”; algo “absolutamente ridículo” conclúe o voceiro local.