marea de vigo denuncia as formas do goberno de abel caballero coa favec, que será desaloxada do edificio da praza da princesa no vindeiro mes de agosto.

30 de Xullo de 2021

Marea de Vigo denuncia as formas do Goberno de Abel Caballero coa FAVEC, que será desaloxada do edificio da Praza da Princesa no vindeiro mes de agosto.

 

Rubén Pérez: “Imos ter un espectáculo bochornoso no que se vai desaloxar a unha entidade que agrupa a ducias de asociacions de veciños/as e que ten unha actividade moi arraigada na cidade por unha irresponsabilidade dun Goberno que non escoita”

 

Vigo, 30-07-2021. Marea de Vigo lamenta que se chegase a unha situación na que finalmente o Xulgado desafiuce á Federación Veciñal sen obter explicacións do Goberno local sobre os motivos para ter que abandonar o inmoble, “xa que as obras que en teoría se van facer son únicamente no baixo do edificio” sinala Rubén Pérez. “Se se tratase dunha cuestión de seguridade – continúa – , terían que telo explicado como a situación temporal que é, e entendendo que a federación veciñal podería volver ao seu lugar rematadas as obras” xa que, segundo lembra Marea de Vigo, existe un convenio entre a propia entidade e a administración pública, “que polo de agora está vixente ata o 2025”, mais nada disto aconteceu “e o único que pasará é que a favec será desaloxada indefinidamente” engade o voceiro.

 

Rubén Perez insiste en que ningún destes aspectos foi aclarado por parte do Goberno local “e o que imos ter é un espectáculo bochornoso no que a policía e os funcionarios xudiciais van desaloxar a unha entidade que agrupa a ducias de asociacions de veciños/as e que ten unha actividade moi arraigada na cidade por unha irresponsabilidade dun Goberno que non escoita e que non quere chegar a ningún tipo de solución con calquera entidade veciñal ou cultural que teña unha posición crítica con respecto a determinadas políticas que veñen realizándose por parte dese Goberno local”.

 

“É lamentable que se chegara a isto, desafiuzando pola vía xudicial, máis ala de non propor ningún local alternativo que cumprise os mínimos, máis tendo en conta as medidas de seguridade na situación COVID” conclúe o voceiro.