marea de vigo denuncia a improvisación do goberno de abel caballero ante a concentración de obras na cidade.

2 de Maio de 2019

Marea de Vigo denuncia a improvisación do Goberno de Abel Caballero ante a concentración de obras que se están executando nestas semanas para facelas coincidir co período preelectoral.

Rubén Pérez: “A falta de execución orzamentaria no capitulo de investimentos, xunto á práctica de concentrar as obras no último tramo de lexislatura, están xerando un gran caos no tráfico e moitos inconvenientes á veciñanza de zonas como Travesas, Castelao ou Camelias”.

Vigo, 02-05-2019. Marea de Vigo acusa ao Goberno local de falla de planificación en materia de mobilidade e tráfico en varias zonas da cidade ante moitas das obras “que poderían estar feitas nos pasados anos e en lugar diso, concéntranse en apenas uns meses para facelas coincidir co período preelectoral” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo. “Sen estudos análogos de mobilidade – engade -, están xerando un caos circulatorio que fai que por exemplo, teña que estar unha patrulla da policía local permanentemente na contorna da Praza de América”.

Nas pasadas eleccións municipais sucedía a mesma situación, mais, “o que resulta absolutamente aclaratorio e á vez irresponsable con respecto a este cuestión, é que foron capaces de ter paralizadas unhas obras durante aproximadamente seis meses na contorna da rúa Álvaro Cunqueiro, causando graves trastornos a comerciantes e veciñanza do barrio, mentres que agora ata se está traballando de noite ata as 03:00 da mañá algún día”. Esta cuestión resulta moi relevante para a Marea de Vigo, xa que “fainos dubidar de se se está cumprindo a normativa laboral dos traballadores nestas obras, de non ser así o Concello sería o principal responsable” matiza Rubén Pérez.

Poeira, conxestión de tráfico, ruídos a altas horas da noite, son algunhas das consecuencias que está tendo esta improvisación sobre a veciñanza, só para que un alcalde poida “non” facer unha nova inauguración. “Imos poñer moita atención neste tipo de actuacións por parte do Goberno de Abel Caballero e non imos tolerar ningún incumprimento nesta materia, denunciando na Xunta Electoral ou o que consideremos necesario” conclúe Rubén Pérez.