marea de vigo denuncia a inacción do concello ante as obras ilegais para abrir unha nova casa de apostas e salón de xogos na avenida da florida 73

31 de Maio de 2019

Marea de Vigo denuncia a inacción do Concello ante as obras ilegais para abrir unha nova casa de apostas e salón de xogos na avenida da Florida 73

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, lembra que o Pleno aprobou en febreiro unha moción da Marea de Vigo que instaba ao Concello e a Xunta, cada un no ámbito das súas competencias, a “realizar unha actuación activa e non colaboradora con este tipo de negocios, coas trabas legais posibles a súa apertura e introducindo regulacións restritivas”.

Vigo, 31-05-2019. O obra que se está a realizar nun baixo comercial na rúa Florida 73, onde se pretende abrir un novo salón de xogos e apostas por parte da compañía Mercur, carece de licenza municipal de obra, algo que foi denunciado pola veciñanza, ademais de estar moi cerca dun centro educativo oficial como é o conservatorio de música de Florida.

Marea de Vigo segue a alertar da proliferación destes negocios na cidade de Vigo, e reitera a necesidade e a urxencia do cumprimento dos acordos acadados no Pleno do Concello do mes de febreiro, e mesmo a ser consecuentes coas declaracións do propio alcalde de Vigo que en abril instaba á Xunta a realizar un veto a estes negocios.

Se ben é certo que o Concello está limitado na súa actuación cando este tipo de negocios solicitan licenza de obra ou reforma e posteriormente de apertura ou actividade, neste caso a non existencia de tal licenza facilita ao Concello unha paralización inmediata da obra. “O Concello de Vigo é na actualidade o único responsable de que avance a apertura deste negocio no barrio” matiza Rubén Pérez.

Marea de Vigo insiste na necesidade de dar cumprimento aos acordos da moción presentada e aprobada no Pleno o pasado mes de febreiro onde, por unha banda instábase tanto ao Goberno do Estado coma ao autonómico a iniciar unha serie de reformas legais encamiñadas ao control desta actividade, e pola outra, ao propio Goberno local, ao que ían dirixidos cinco dos acordos, sobre os cales o propio Goberno de Abel Caballero non ten iniciada ningún tipo de actuación ata o día de hoxe.

“A administración local tamén ten responsabilidade sobre o control das casas de apostas, e é nesta administración na que se deben facer, entre outras accións, as modificacións das ordenanzas que sexan necesarias para poder frear dalgún xeito esta praga” conclúe Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.