marea de vigo denuncia o desmantelamento da escola municipal de danza e a e-trad a través das subidas de tarifas.

17 de Xaneiro de 2018

Marea de Vigo denuncia o desmantelamento da e-trad e da escola municipal de danza a base de subidas do 300% nas mensualidades.

Xosé Lois Jácome: “estamos detectando moitas denuncias de familias e alumnado que se atoparon neste mes de xaneiro cun recibo da mensualidade que pasaba de 7 a 20 euros.”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo xa no ano 2016 emendou na proposta de ordenanzas fiscais para o 2017 a que consideraba unha subida brutal dos prezos para a escola de danza, onde pedía manter o sistema de pago anual así como un aumento da subvención municipal para o mantemento das mesmas.

“Este servizo debe cubrirse con financiamento municipal e non con incrementos nas matriculacións. Hai moitas familias que non van poder facer fronte a estes prezos. Cando foron matricularse en setembro, descoñecían que aos catro meses o recibo mensual ía triplicarse, sendo aprobadas as ordenanzas que consolidaban esta subida apenas uns días antes da finalización do prazo de matrícula”, explica Xosé Lois Jácome.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo vai solicitar os datos de matriculación dos últimos anos, así como á volta ao sistema anterior ao 2017, que permitía a moitas familias viguesas poder matricular as/os fillas/os nestas escolas municipais.

“Estas actividades contan con moito respaldo popular, resultando ademais ser interxeracionais. Destas escolas saen multitude de grupos de musica e danza que veñen formar parte da vida cultural da cidade e polo tanto, deberían non só ser coidadosamente mantidas senón fomentadas, xusto ao contrario do que está acontecendo”, remata Xosé Lois Jácome, concelleiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.