marea de vigo denuncia a opacidade na operación de liquidación da débeda do auditorio mar de vigo.

24 de Outubro de 2018

Marea de Vigo denuncia a opacidade na operación de liquidación da débeda do Auditorio Mar de Vigo.

Rubén Pérez: “A débeda vai ser pagada con cartos públicos que pagamos a través dos impostos e o alcalde decidiu non executar nos exercicios orzamentarios, os cartos pasaron ao remanente e de aí a pagar as vergoñas deste Concello. Aquí ten que haber responsabilidades políticas”

Vigo, 24-10-2018. Xosé Lois Jácome e Rubén Pérez, concelleiros do grupo municipal da Marea de Vigo ofreceron hoxe unha rolda de prensa na que valoraron as novidades sobre o Auditorio Mar de Vigo, coas recentes declaracións do alcalde ao respecto.

Xosé Lois Jácome afirmou que “non existe sorpresa algunha no tipo de declaracións que está a facer o alcalde de Vigo respecto á situación do Auditorio Mar de Vigo, declaracións feitas a través dun medio de comunicación, e ademáis, mentindo”. O concelleiro sinalou que xa en novembro do 2016 a Marea de Vigo presentou unha moción no Pleno para a apertura da Comisión de Investigación, “moción que foi rexeitada polo PSOE e que tería permitido dar as explicacións necesarias no Pleno e con normalidade democrática” engadiu Jácome.

Alén disto, o concelleiro da Marea de Vigo lembrou “a guerra ridícula entre o alcalde e a Xunta por poñer o seu nome na placa do Auditorio Mar de Vigo na súa inauguración” – mentres amosaba unha foto da placa – hoxe, 7 anos máis tarde, asistimos á liquidación do mesmo lugar”.

Pola súa banda, Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, incidiu na cuestión do pago da débeda do Auditorio, afirmando que “vai ser pagada cos cartos públicos que todas e todos pagamos a través dos impostos e o alcalde decidiu non executar nos exerc¡cios orzamentarios; eses cartos pasaron ao remanente de tesourería e de aí van pasar a pagar as vergoñas deste concello. Seguramente agora ao presidente da FEMP, Abel Caballero, priorice o desbloqueo do uso do remanente, para poder así soterralo na débeda do Auditorio Mar de Vigo”.

O voceiro do grupo municipal tamén fixo fincapé en que “o problema está no propio sistema de financiamento, isto que pasa hoxe en día no Auditorio Mar de Vigo, pode pasar perfectamente o día de mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro. O sistema utilizado, no que a construción e a explotación se ligan ao prego concesional, resulta moi perigoso xa que non hai garantías de que a empresa gañadora, en moitas ocasións creada co único obxectivo de gañar o concurso, non ‘morra’ durante eses primeiros 25 anos de contrato”.

“O que acaba de acontecer é que por fin sae a luz unha das operacións urbanísticas e unha das urxencias non xustificadas de inauguración que existían neste concello, aquí ten que haber responsables políticos e esiximos claridade nos datos e a sucesión de acontecementos arredor do desastre que resultou ser a construción, explotación e xestión do Auditorio Mar de Vigo” concluiu Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.