marea de vigo denuncia os aterramentos ilegais no monte de cabral

25 de Xaneiro de 2018

O Grupo Municipal da Marea de Vigo denuncia os aterramentos ilegais que unha vez mais se están a facer no monte de Cabral pese a ter paralizada a obra por parte do Concello.

Rubén Pérez: “A Xerencia de Urbanismo advertiu en xullo de 2017 que se suspenderan as actividades nestas parcelas situadas na zona do Gorxal, baixo o delito de ‘desobediencia’ pero as actividades de aterramento continúan con total impunidade como amosan as fotos tomadas nesta semana e que foron entregadas na Xerencia de Urbanismo”.

Marea de Vigo lembra que no expediente aberto polo Concello de Vigo despois de varias inspeccións da policía local, se lle advertía expresamente á directiva da Comunidade de Montes de que “a vulneración do precinto e/ou o incumprimento da orde de data 11-10-2016, de suspensión de obras nas parcelas obxecto deste procedemento, podían ser constitutivos do delito de desobediencia tipificado no artigo 556 do Código Penal e, por tanto, no caso de producirse, poríase en inmediato coñecemento da Fiscalía da Área de Vigo para a súa valoración.” polo que o Grupo Municipal pídelle ao Concello de Vigo que denuncie en fiscalía á Xunta Reitora da Comunidade de montes veciñais de Cabral, tal e como figura no expediente aprobado no Consello da Xerencia de Urbanismo.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera un exercicio de total impunidade que se permita continuar con estas obras a cargo da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais de Cabral (obras que ademais non pasaron pola Asemblea Xeral da Comunidade) cando teñen unha resolución definitiva de paralización por parte do Concello de Vigo (expediente 17743/423) por carecer de licenza e non ser legalizables (a propia resolución obriga a repoñer o estado anterior dos terreos sometidos ás obras).

“Do mesmo xeito, xustificar a orixe de estas actuacións como unha ‘plantación de paulownias’ fai aumentar a preocupación por parte da Marea de Vigo, ao tratarse dunha especie que pode ser clasificada como ‘invasora’ e polo tanto incompatible co suposto cinto verde de especies autóctonas que agora anuncia a bombo e prato o propio Concello” engade Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.