marea de vigo denuncia os despedimentos no naval e alerta do posible intento de recalificación dos terreos de varios estaleiros para fins especulativos.

26 de Maio de 2022

Marea de Vigo denuncia os despedimentos no naval e alerta do posible intento de recalificación dos terreos de varios estaleiros para fins especulativos.

Rubén Pérez: “Non imos tolerar nin no planeamento urbanístico nin na acción política que se poida especular con terreos industriais”.

Marea de Vigo acompañou ao persoal dos estaleiros na mobilización convocada hoxe tralos despedimentos de varios traballadores, en concreto delegados de persoal e afiliados da CIG e CCOO nos estaleiros Metalships, San Enrique (antiga Vulcano) e Barreras.

Vigo, 26-05-2022. Para a Marea de Vigo, esta “política” de represión sindical “semella formar parte dunha estratexia da patronal do sector do Naval para converter definitivamente os estaleiros da nosa ría nun páramo de precariedade, de subcontratas e de ir desfacéndose do persoal con máis experiencia no sector e ademais do máis sindicalizado – afirma Rubén Pérez -. Aínda esta por ver que pasa cos 120 traballadores e traballadoras de Barreras”.

Marea de Vigo denuncia ademais que esta situación vai parella a unha posible tentativa, – á vista ademais de movementos e consultas urbanísticas -, para que terreos industriais poidan ser recalificados e convertidos en terreos ben para uso terciario ou ben para promoción de vivendas.

“Isto debe ser paralizado xa no PXOM por parte do Concello, de xeito que toda aquela xente que queira vir a especular cos estaleiros da nosa ría teña presente que os estaleiros son para a construcción naval como parte da nosa industria” matiza o voceiro.

“Non imos tolerar nin no planeamento urbanístico nin na acción política que se poida especular con terreos industriais” lembra o voceiro municipal, lembrando o acontecido en moitas cidades no conxunto do estado, “como foi en Gijón ou Cádiz, onde se converteron os antigos terreos industriais en terreos especulativos” conclúe.