marea de vigo denuncia os incumprimentos das concesionarias de obra publica en materia de prevención e insta ao goberno de abel caballero a asumir a responsabilidade que lle corresponde como entidade contratante.

13 de Xullo de 2022

Marea de Vigo denuncia os incumprimentos das concesionarias de obra publica en materia de prevención e insta ao Goberno de Abel Caballero a asumir a responsabilidade que lle corresponde como entidade contratante.

Rubén Pérez: “O Concello debe establecer controis de xeito inmediato para garantir que se cumpre a lexislación laboral e en materia de prevención nas empresas coas que ten contratos públicos”.

Están sendo trasladadas multitude de queixas por parte traballadores e traballadoras destas empresas e hoxe mesmo o Partido Comunista de Galicia denunciou publicamente esta cuestión, denuncia da que Marea de Vigo tamén se fai eco.

Vigo, 13-07-2022. O Grupo municipal da Marea de Vigo quere alertar dos incumprimentos en materia de saúde laboral que se están dando en varias empresas vinculadas ao Concello a través de concesións públicas para a realización de obra pública ante a actual vaga de calor. “É preciso que estas empresas cumpran coa lexislación así como coas recomendacións en materia de prevención e tomen as medidas oportunas para que, por exemplo, non haxa persoas traballando a determinadas horas en tarefas de asfaltado ou humanizacións” afirma o voceiro municipal, estendéndoo a “calquera outro tipo de traballo no sector da construción por parte de ningunha empresa concesionada a través do Concello de Vigo”.

Pérez incide na “falla de control e de responsabilidade” por parte do Concello para facer cumprir a lei ás empresas coas que traballan no tocante á obra pública, “nin tan sequera se están a cumprir os criterios en materia de saúde laboral, o que consideramos extremadamente grave” engade.

Marea de Vigo espera que tanto sindicatos como Inspección de Traballo cumpran co seu cometido ao respecto e, no relativo ao Concello, insta ao Goberno local a que obrigue a todas aquelas empresas coas que ten contratos relacionados coa obra pública a cumprir a lexislación en materia de prevención así como no tocante á xornada laboral, que, segundo lembra Rubén Pérez, “debe ser de xeito continuado das 7h ás 15h segundo o convenio colectivo de aplicación”.

Marea de Vigo considera moi relevante lembrar que precisamente este tipo de cuestións, relativas a cumprimentos de horarios e lexislación de prevención, “foron reiteradamente denunciadas no momento do desenvolvemento do Plan E e tamén precisamente en empresas cuxos responsables acabaron sendo investigados en operacións xudiciais”. “Non houbo resposta por parte do Concello naquela altura, e cremos que certas deixacións non deben repetirse xamais” conclúe o voceiro.