marea de vigo denuncia a perda de democracia no pleno do concello

26 de Xuño de 2017

O Grupo Municipal da Marea de Vigo denuncia a “voadura controlada” do Pleno e da democracia local por parte de Abel Caballero

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que “o feito de vetar de xeito aleatorio mocións na orde do día, como acaba de acontecer na do vindeiro mércores coa moción que presentaba o PP sobre a reprobación do Alcalde Pedáneo de Bembrive, e mesmo non cubrir as 4 mocións que o PsdG-PSOE pode presentar ao Pleno sen deixar aos outros grupos que o fagan como figuraba no anterior Regulamento, supoñen a evidencia de que o Goberno Local despreza a democracia. Non imos tolerar que o Concello de Vigo convértase na Marbella de Jesús Gil”

Marea de Vigo denuncia que esta estratexia de “liquidar” o Pleno do Concello como instrumento político estaba máis que orquestrada cando o o pasado 27 de xaneiro a Alcaldía do Concello de Vigo incoou un expediente para a modificación do, ate aquela altura vixente Regulamento Orgánico do Pleno.

Coa escusa de adaptación do Regulamento á Lei 19/2013 de transparencia e á 27/2013 de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, presentábase un novo Regulamento que de facto aproveitouse para adaptar o Regulamento Orgánico Municipal a un modelo de xestión municipal antidemocrático, no que se materializou un drástico recorte ao dereito de información da oposición, curiosamente, ao contrario do suposto espírito da lei de transparencia que veu motivar a modificación do propio Regulamento.

O Pleno do vindeiro mércores reflicte na súa orde do día o que se pretendía facer con esta modificación; limitar a capacidade da oposición de trasladar debates ao Pleno, e limitar os dereitos das/os concelleiras e concelleiros a poder presentar mocións cando o PsdG-PSOE con 17 representantes é incapaz ou non quere presentar as 4 mocións que ten reservadas (o anterior Regulamento o permitía).

Extremadamente grave é o veto do Alcalde a unha moción da oposición utilizando o argumento de “non se pode reprobar a alguén que non está condenado firmemente”, posto que o a reprobación dunha persoa nunha moción ao Pleno é un acto político e non xurídico; como político foi, no ano 2013, declarar en Pleno “persoa non grata” a Joaquín Almunia, a petición do mesmo Abel Caballero, moción non vetada por ninguén no seu día.
Este feito, polo tanto, senta un perigoso precedente no que, dun xeito totalmente discrecional, o Alcalde pode vetar mocións da oposición sen ningún criterio xurídico nin informe previo.