marea de vigo denuncia a proliferación de locais e terrazas ilegais

4 de Agosto de 2016

MAREA DE VIGO DENUNCIA A PROLIFERACIÓN DE LOCAIS E TERRAZAS ILEGAIS NO CASCO VELLO E NA ZONA DO NÁUTICO E PIDE O CONCELLO QUE FAGA CUMPRIR A LEXISLACIÓN VIXENTE.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que se está facendo competencia desleal por parte de negocios que, ou ben abren sen licenza ou esta non se axusta coa realidade, como son as licenzas para degustación, última tendencia en abaratamento legal.

Este feito está a esnaquizar o tecido hostaleiro de varias zonas turísticas de Vigo, como é o Casco Vello e a zona do náutico, permitindo e non controlando os locais da zona, mentres os que si que cumpren coa legalidade e pagan os impostos que lles corresponde, así como respectan os horarios de apertura, están véndose seriamente prexudicados, do mesmo xeito que a veciñanza das zonas, moitos deles, cansas e cansos xa de denunciar a situación recibindo a calada por resposta.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo considera que este tipo de políticas de non control, máis aló do impacto sobre o turismo, que non ten por que verse minguado por non permitir que se infrinxa a lei, potencia o non cumprimento das ordenanzas municipais de forma case automática por parte dalguns empresarios, que xa por defecto, en moitos casos, abren negocios a priori ilegais.

A escusa da suposta creación de emprego non exime de respectar as normas que outros si que respectan, alén de que con toda certeza, no ámbito laboral estase dando o mesmo quebrantamento que con respecto as ordenanzas, feito polo cal a Marea de Vigo xa expuxo en anteriores ocasións, mesmo no Pleno do Concello, vencellar o espazo e mesas dos locais coa contratación de persoal.

Igualmente, a Marea de Vigo pide levar á práctica ás ordenanzas municipais* en canto as autorizacións, xa que, segundo a mesma, “prohíbese a instalación de terrazas na vía pública sen licenza municipal” e no caso de que sexa “sen axustarse as condicións da licenza, dará lugar a inmediata retirada…”, feito que non acontece en Vigo.

O Grupo Municipal considera unha completa inxustiza que, locais con licenzas correctamente feitas e que respectan a ordenanza, estean sufrindo a competencia desleal de outros que mesmo montan incluso “restaurantes clandestinos” nos sotos dos locais. E que, resulta moi económico pagar unha licenza que te permite abrir ata as 22:00 vendendo uns produtos en concreto, cando o que se fai na realidade e estar ata as 02:00 ofertando o que non tes licenza para ofertar. Pedimos por tanto que o Goberno Municipal faga que se efectúen as actuacións inspectoras e mesmo sancionadoras para garantir non xa soamente que se cumpra a lei, senón que se deixe de prexudicar as e os hostaleiros e a veciñanza da nosa cidade, tal e como é o deber dun Goberno Municipal, non como se está a facer, dando “carta branca” a certos empresarios e non executando o que se aproba, nunha mala interpretación interesada sobre o que supón tomar medidas que poidan parecer pouco “populares” se non se coñece a realidade e mesmo a legalidade.

 

*http://hoxe.vigo.org/pdf/Normativas/terrazas_08.pdf