marea de vigo denuncia que o alcalde do psoe minte sobre o proxecto orzamentario do estado en canto aos investimentos para vigo.

17 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo denuncia que o alcalde do PSOE minte cando afirma que o proxecto orzamentario do Estado contempla os acordos acadados pola súa parte para investimentos en Vigo.

Xosé Lois Jácome: “Segundo Abel Caballero, o Goberno de Pedro Sánchez cumpriu nese proxecto orzamentario con todos e cada un dos acordos, mais isto é completamente falso: cero euros para a Biblioteca do Estado, cero euros para a reconversión en tramo urbano da AP-9 en Teis, ou cero euros para a recuperación do sistema dunar de Samil”.

Vigo, 17-01-2019. O concelleiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, Xosé Lois Jácome, provisto de diferentes imaxes de hemeroteca e un vídeo con declaracións aos medios por parte do alcalde do PSOE, Abel Caballero, denunciou hoxe en rolda de prensa o engano que, segundo a Marea de Vigo, supuxeron todos os acordos acadados polo alcalde coas/os diferentes representantes dos ministerios nos pasados meses en canto a investimentos para a cidade de Vigo. “Se vemos as declaracións de Abel Caballero despois das múltiples xuntanzas con ministros e ministras, nas que saía totalmente satisfeito do acordado, pensaríamos que no proxecto de orzamentos xerais do estado recentemente presentado polo PSOE están reflectidos todos eses acordos en forma de investimentos para Vigo. Nada máis lonxe da realidade” afirmou o concelleiro.

“Segundo Abel Caballero – continuou Jácome – o Goberno de Pedro Sánchez cumpriu nese proxecto orzamentario con todos e cada un dos acordos, mais isto é completamente falso. 0 euros para a Biblioteca do Estado, 0 euros para a reconversión en tramo urbano da AP-9 en Teis, ou 0 euros para a recuperación do sistema dunar de Samil”.

Con todo, para a Marea de Vigo, “este feito non resulta negativo na súa totalidade – explicou Xosé Lois Jácome – temos que dicir que tamén hai elementos positivos. Afortunadamente, nos casos do transvase do Verdugo tamén hai 0 euros e para o AVE por Cerdedo, non hai orzamento suficiente”.

Sobre a cuestión dos investimentos en AVE e a variante de Cerdedo, Rubén Pérez quixo incidir na súa intervención, manifestando que “cando se pon unha proposta de AVE enriba da mesa, se destrúen infraestruturas de transporte de mercadorías e sistemas ferroviarios xerais, hai alternativas que colocan a Vigo en conexión con Madrid en menos de catro horas e non pasan pola barbaridade orzamentaria e a ridiculez da variante de Cerdedo, que nin tan sequera estivo nunca avalada tecnicamente, e soamente serviu de instrumento político para o PP e o PSOE durante 20 anos, tal e como volven a amosar neste proxecto orzamentario”.

Por outra banda, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, informou da noticia sobre a anulación definitiva do Plan de Usos do Porto e a incidencia desta nas cuestións relativas ao accidente de O Marisquiño e a súa Comisión de Investigación. “Hoxe recibimos a noticia da resolución do Tribunal Supremo que anula definitivamente o Plan de Usos do Porto de Vigo, esta resolución explica claramente os motivos polos que a Autoridade Portuaria anunciou nos pasados días a súa intención de facer unha reordenación do espazo, sendo agora unha obriga, e non a vontade de facer algo positivo no Porto por parte do Presidente actual”.

“Este feito – continúa Pérez – suma outra inseguridade xurídica e outro inconveniente para a celebración de O Marisquiño o próximo ano na mesma zona. Alén da responsabilidade do accidente, o preciso é poñer as medidas para garantir que o evento que da máis proxección a Vigo se celebre na cidade o ano que vén. En lugar diso, O PP e o PSOE están usando a Comisión de Investigación do accidente tanto como pantalla para non asumir responsabilidades como unha catapulta para lanzarse acusacións entre eles nestes meses previos ás eleccións municipais” conclúe o voceiro.