marea de vigo denuncia que o departamento de persoal do concello ten paralizadas contratacións, bolsas e listas de substitución inxustificadamente

14 de Decembro de 2022

audio da nova:

Marea de Vigo sinala a “xestión neglixente” do Departamento de Persoal do Concello á hora de abordar contratacións e reposicións de persoal, chegando a provocar o peche de unidades de asistencia social e problemas no mantemento dos centros educativos da cidade.

Marea de Vigo denuncia que estas Xefaturas de Servizo están a ser ocupadas irregularmente e solicita que saian a oferta pública en réxime de igualdade, mérito e capacidade entre os funcionarios e funcionarias do Concello.

14/12/2022

O voceiro do grupo municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, denuncia a situación que se está a producir no Departamento de Persoal do Concello de Vigo, que amosa “unha absoluta incapacidade para solucionar as eivas de persoal así coma calquera xestión relacionada con plans de emprego, listas de substitucións, tramitación de baixas ou IT”. Ademais, sinala que esta situación, que se prolonga no tempo sen visos de solución resulta “unha permanente dor de cabeza non só para os servizos afectados, senón tamén para cada unha das concellerías que ven paralizado ou dificultado o seu traballo pola falla de previsión deste Departamento, ou directamente pola súa inacción”.

Dende a Marea de Vigo sinalan que non se explica como unha xestión que se produce a diario en centos de concellos de este país como pode ser a contratación a tempo e en cantidade axeitada do persoal que abre e pecha os centros educativos, substituír a unha traballadora social porque colle unha baixa, desenvolver un plan de emprego adaptado á nova reforma laboral, etc. en Vigo resulte un “problema constante e unha morea de trabas, escudándose en inexistentes problemas legais”.

Marea de Vigo esixe que se existen problemas ou reparos na contratación de persoal “se levanten os reparos ou se pidan de xeito inmediato informes contraditorios aos habilitados nacionais. O que non se pode tolerar nin un día máis é que por culpa da inacción do Departamento de Persoal o CEIP Sárdoma Moledo leve meses agardando que se cubra unha xubilación, ou que permaneza pechada unha Unidade Básica de Atención Social porque se demore meses a cobertura de baixas”.Marea de Vigo denuncia ademais que no ano 2021 quedaron 14 millóns de euros sen executar no capítulo 1, e prevé que neste 2022 esa cantidade será maior, sen que exista a escusa da regulación do traballo temporal na nova reforma laboral “cando o propio SEPE aclarou mediante unha comunicación a todos os concellos do estado de como e en que forma se pode contratar eventualmente para solucións como as que nos afecta en Vigo”.