marea de vigo denuncia que o novo centro de saúde de bouzas está a funcionar cun só facultativo que non é substituído en caso de non dispoñibilidade.

29 de Xullo de 2022

Marea de Vigo denuncia que o novo centro de saúde de Bouzas está a funcionar cun só facultativo que non é substituído en caso de non dispoñibilidade.

Oriana Méndez: “O Sergas non só incumpriu o compromiso de ir incorporando persoal a medida que fora avanzando o funcionamento do centro senón que xa está derivando pacientes a outros centros por non poder dar a atención que lle corresponde”.

 

Vigo, 29-07-2022. Marea de Vigo demándalle á Xunta a dotación sanitaria prometida para o centro de saúde de Bouzas, “dotación que non chegou a ter en ningún momento dende a súa inauguración” afirma Oriana Méndez. O Grupo municipal lembra que o anunciado polo Sergas e para o que está o edificio en teoría equipado son tres persoas para atención médica e outras tres en enfermería.

“O máis grave – apunta a concelleira – é que cando está persoa esta de vacacións ou cunha incapacidade temporal, o Sergas non a substitúe, xerando un problema a maiores tanto para a veciñanza como para os centros de saúde, xa cativos en dotacións, aos que son derivadas as e os pacientes”, tal e como aconteceu nos pasados días, cando foron derivando aos/ás pacientes ao centro de saúde de Navia.

Igualmente, Marea de Vigo lembra o compromiso do pediatra no centro de saúde e incide na precaria situación na que a Xunta está deixando a Atención Primaria na nosa Área Sanitaria, onde os recortes son constantes, “situación denunciada reiteradamente pola Plataforma SOS Sanidade Pública e pola veciñanza, xa non só de Bouzas senón de toda a área sanitaria, onde constantemente son convocadas mobilizacións” matiza a concelleira.