marea de vigo denuncia que as partidas para a suposta campaña de cíes patrimonio da humanidade están usándose coma escusa publicitaria para seguir subvencionando encubertamente a medios de comunicación.

4 de Agosto de 2022

Marea de Vigo denuncia que as partidas para a suposta campaña de Cíes Patrimonio da Humanidade están usándose coma escusa publicitaria para seguir subvencionando encubertamente a medios de comunicación.

Vigo, 04-08-2022. Hoxe coñécese unha nova partida de 230.000 euros adicada para a “supostas campañas” promocionando que as Illas Cíes sexan consideradas Patrimonio da Humanidade. “Un recurso público, inxente, que se suma a un sinfín de contratos menores ao longo dos últimos anos, en teoría para promocionar a candidatura das Illas Cïes no órgano da UNESCO que avalía as propostas” afirma Rubén Pérez. 230.000 euros que podían ser empregados, segundo a Marea de Vigo, “mesmo para facer a necesaria xestión administrativa ante a UNESCO , xa que ata o de agora, as xestións feitas son igual a cero” engade.

Pérez denuncia que en todos os anos que se levan empregado recursos municipais para tal fin, “nin o primeiro papel foi movido ante a entidade, fronte a candidatura que promove a Xunta de Galicia – aínda que sexa de xeito oportunista e sen contar cos concellos onde aplica o ámbito territorial das illas – que si que comezou o proceso para facer das illas Patrimonio da Humanidade”.

Marea de Vigo sinala que “non é aceptable que unha batalla entre o Concello e a Xunta por ver quen se apunta o tanto de conseguir que as Illas Cíes – ou as Illas Atlánticas – sexan consideradas Patrimonio da Humanidade só implique estár deitando recursos públicos municipais simplemente para encher páxinas de medios de comunicación ou para subvencionar a determinados colectivos para actividades que nada teñen que ver co rigor científico que implica a presentación e defensa da candidatura”. O voceiro denuncia que ano tras ano “vemos como se están utilizando recursos económicos que xa superan o millón de euros para accións como unha recollida de sinaturas ou a práctica de yoga, actividades que non gardan relación algunha coas accións que se deben facer para conseguir que as illas sexan Patrimonio da Humanidade”.

Recursos públicos para unha campaña de autobombo sen ningún tipo de rigor científico, requirido pola UNESCO para calqueira candidatura a Patrimonio da Humanidade.

“O fondo mariño das illas posúe tal nivel de singularidade que xustificaría a candidatura – afirma o voceiro local -. Algo completamente diferente aos argumentos e accións que está levando a cabo o Goberno de Abel Caballero”, á marxe de non ter feito nin un só dos trámites necesarios para a presentación da candidatura.

Para a Marea de Vigo non é aceptable que se sigan utilizando recursos públicos para campañas únicamente publicitarias ou para deitalos en medios de comunicación de xeito absolutamente irregular. “Os recursos para defender o patrimonio natural e defender a candidatura para Patrimonio da Humanidade deben estar correctamente encamiñados e non derrocharse en campañas de autobombo” conclúe Rubén Pérez.