marea de vigo denuncia que vitrasa volve provocar un conflito laboral co persoal utilizando a ameaza dun descolgue salarial para conseguir máis recursos do concello.

25 de Marzo de 2022

Marea de Vigo denuncia que VITRASA volve  provocar un conflito laboral co persoal utilizando a ameaza dun descolgue salarial para conseguir máis recursos do Concello.

Rubén Pérez: “Esta situación está directamente relacionada coa irresponsabilidade política dun alcalde que decide ampliar unha concesión sen ter previsto cal vai ser o sistema de compensación coa concesionaria para substituír o sistema previo á prórroga, e do que emana o prezo do billete”.

Vigo, 25-03-2022. Para Marea de Vigo, a deixadez previa xunto á escusa da COVID e da situación económica producida pola pandemia fixo que o Goberno local ampliara a concesión do transporte urbano en cinco anos máis, sendo a súa data de finalización no pasado ano 2019. “O que non se informou naquela altura – matizou Rubén Pèrez – foi que nesa ampliación de cinco anos eliminouse o sistema co que se compensaba históricamente a VITRASA polos custos da explotación do servizo”. É dicir, garantizábanse vinte millóns de pasaxeiros/as anuais, con todas as actualizacións que foron implicando os novos servizos (como as lanzadeiras ao CUVI ou os servizos ao Hospital Álvaro Cunqueiro) de xeito que se non se chegaba a esa cifra, o Concello tiña que compensar automáticamente á concesionaria. “Mais coa ampliación deses cinco anos, o que desaparece é ese sistema, volvendo ao sistema do contrato do ano 94, que contén unha fórmula mediante a cal VITRASA imputa directamente todos os custos” explica o voceiro na rolda de prensa ofrecida hoxe.

A imputación dos últimos custos, “algún deles ridículo como a carta coa cara de Abel Caballero a todas as viguesas e vigueses para anunciar a pass Vigo, así como a pronta renovación e compra de autobuses, aínda tendo a posibilidade de facer renting como fan ducias de cidades no conxunto do estado, fixo que o prezo do billete subira considerablemente, baixo esa fórmula do 94” sinalou Rubén Pérez.

“O que hai agora enriba da mesa é que VITRASA di que o billete debe costar moi probablemente por enriba do euro cincuenta, e que obviamente o Concello de Vigo non lle pode dicir á veciñanza que o prezo do billete do autobús vai aumentar de tal forma” incide o voceiro. E, nesa negociación, “a empresa volve a utilizar ao persoal coa posibilidade dun descolgue salarial argumentando que a concesión non é rentable” engadiu.