marea de vigo denuncia a situación do persoal dos aparcadoiros da porta do sol e pza de portugal

12 de Xullo de 2017

Marea de Vigo denuncia a situación na que permanece o persoal dos aparcadoiros da Porta do Sol e Praza de Portugal a causa da mala xestión municipal.

O Grupo Municipal insiste en lembrarlle á veciñanza viguesa e ao Goberno Municipal que detrás dos anuncios sobre a apertura do aparcadoiro da Pza de Portugal para o 2018 e o “gran boulevard” que se pretende facer na Porta do Sol quedaron as vidas de 11 de familias ás que, por acordo plenario, se lle prometeu unha solución laboral tras o repentino peche de ambos aparcadoiros.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo é intolerable o pouco sentido da democracia e da honestidade política do Goberno Municipal de Vigo e do seu alcalde, alcalde ao que se lle enchía a boca en decembro do 2015 cando diante das cámaras no Pleno do Concello dicía que “os traballadores, sempre os primeiros!” mentres aprobaba a moción da Marea de Vigo onde se pedía o compromiso do emprego cos cadros de persoal dos aparcadoiros, feito que, segundo podemos comprobar todas e todos, está situado ao máis lonxe da realidade.

Meses máis tarde, tanto a Marea de Vigo como o cadro de persoal, entendían, dalgún xeito, que parte da tardanza na solución viña dada pola tamén nefasta xestión da contratación pública destas concesións, que, recurso tras recurso, na liña da maioría das grandes contratacións neste Concello, parecía non chegar a substanciarse.
Mais, despois de ano e medio, de anuncios de grandes obras faraónicas, de xuízos onde a propia representación do concello asume xa a priori a non obrigatoriedade sobre o cumprimento dos acordos plenarios como algo natural, a Marea de Vigo afirma rotundamente que nunca, nin no devandito pleno do 2015, nin despois, houbo a máis mínima intención de solucionar a situación destas 11 persoas; é máis, para o Grupo Municipal da Marea de Vigo quedou claro que incluso existiu intención de deixar pasar o tempo para que estas persoas non puideran reclamar os seus dereitos e se tiveran que ver obrigados e obrigadas a acudir aos tribunais.

A cuestión de non cumprir os acordos plenarios (onde eles e elas mesmos/as votan favorablemente) por parte do Goberno Municipal de Vigo do PSOE non é unha cuestión puntual senón unha tónica xeral, feito extremadamente grave para a Marea de Vigo e para calquera que se defina como demócrata. Maioría absoluta non significa non escoitar á oposición e menos aínda, non cumprir o acordado, sendo este un comportamento antidemocrático, e máis para un grupo que se denomina “socialista”.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo solicitará a creación da comisión de seguimento dos acordos plenarios, como ferramenta para garantir a democracia no Concello de Vigo e evitar que acontezan casos como este, ou, no caso de acontecer, poder tomar as medidas oportunas.