marea de vigo denuncia a utilización electoralista da execución orzamentaria por parte do goberno de abel caballero.

25 de Febreiro de 2019

Marea de Vigo denuncia a política de baixa execución orzamentaria do Goberno de Abel Caballero ao longo da lexislatura e o uso electoralista dos investimentos nos últimos meses.

Rubén Pérez: “Un 57% de execución do capítulo de investimentos do orzamento municipal do 2018, e unha media de apenas un 30% de execución en toda a lexislatura, é unha xestión que unha cidade como Vigo, que precisa melloras nos barrios e parroquias, non pode tolerar”.

Vigo, 25-02-2019. Na rolda de prensa ofrecida no día de hoxe, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, trasladou a crítica da Marea de Vigo con respecto á liña do Goberno de Abel Caballero en materia de facenda e investimento e a súa utilización electoralista, apenas executando un 30% en toda a lexislatura. “Toda esta falta de execución orzamentaria forma parte da práctica denunciable de ir centrando nos últimos meses de lexislatura os investimentos, isto provoca feitos hilarantes como que esta fin de semana Abel Caballero inaugure a humanización da rúa Álvaro Cunqueiro, que foi anunciada nos investimentos do orzamento de 2017” matizou Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, é de especial gravidade a ausencia de execución de partidas como as de emprego xuvenil, das que non se executou nin un euro. “O Goberno de Abel Caballero executou 0 euros das partidas de máis de 725.000 para plans de emprego xuvenil. Isto non se pode entender nunha cidade con máis de un 40% de mozos e mozas en situación de desemprego”.

Por outra banda, Pérez lembrou que tampouco se chegaron a executar partidas como a de melloras para a iluminación pública das rúas, cando “o anuncio do investimento do superávit de anos anteriores para esta mellora, quedou sen executar. Son 650.000 euros moi necesarios en moitos barrios onde está subindo a taxa de atropelos precisamente por falta de luz. Do mesmo xeito, tampouco se executou un só euro dos máis de millón e medio consignados á conservación de autoestradas, ou dos máis de 374.000 da partida de mantemento viario no rural”.