marea de vigo denuncia a xestión do goberno municipal sobre a concesión de recadación executiva.

12 de Febreiro de 2018

Marea de Vigo denuncia a xestión do goberno municipal sobre a concesión de recadación executiva, e responsabiliza ao mesmo das consecuencias da precarización do servizo.

Rubén Pérez: “Neste caso, semella existir certa conivencia de diferentes gobernos que pasaron pola corporación con esta empresa concesionaria, cuxo cadro de persoal leva sufrindo unha perda paulatina de dereitos laborais xa dende antes desta lexislatura”.

Vigo 12 de febreiro do 2018. Esta é a enésima vez que a administración local lle da as costas ao cadro de persoal dunha concesionaria pública, nesta ocasión trátase do contrato de Recadación Executiva, recentemente adxudicada á mesma empresa que tiña o servizo ata agora, concesionaria que, facendo uso das ferramentas proporcionadas ás empresas pola última reforma laboral, se ten descolgado do convenio de empresa (caducado no 2015 e para cuxa negociación non amosou vontade), aplicando neste momento o convenio sectorial estatal, que conta cunhas condicións laborais moito máis negativas para o cadro de persoal. Esta situación foi denunciada pola representación sindical perante a corporación municipal mediante a presentación de escrito no rexistro xa en setembro do 2017, mais a contestación do goberno só foi volver a adxudicar o servizo a mesma empresa no pasado mes de xaneiro.

Para a Marea de Vigo hai unha serie de criterios no eido laboral que deberían e poderían contar á hora de adxudicar un servizo público á marxe do cumprimento da lexislación, tal e como están facendo moitos concellos no ámbito do Estado. “Isto supón unha cuestión de vontade política do goberno municipal do momento, no caso do goberno actual, esa vontade non existe, tras todas e cada unha das ocasións nas que non tivo en conta as demandas dos cadros de persoal das diferentes concesionarias municipais á hora de abordar a contratación destas. Nalgunha ocasión incluso semella que esta actitude é deliberada, respondendo así aos intereses das empresas privadas. No caso da recadación executiva isto acontece desde incluso antes desta lexislatura” afirma Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

O grupo municipal da Marea de Vigo insiste na defensa dos servizos públicos municipais, cuxas privatizacións levaron consigo en moitos casos a precarización laboral das traballadoras e traballadores dos mesmos, sen supoñer estas un aforro para as arcas públicas nin unha optimización do propio servizo, senón unha fonte de corrupción nalgúns casos e o lucro de moitas empresas privadas á costa dos cartos da cidadanía en todos. “O mínimo que debe facer o goberno municipal con respecto ás concesións públicas é velar polas condicións dos seus cadros de persoal. No caso dun goberno que se di de esquerdas, isto ten que ser incuestionable” engade Rubén Pérez.