marea de vigo dille a caballero que deixe de inventar convenios de transporte.

18 de Febreiro de 2020

Marea de Vigo dille a Caballero que deixe de inventar convenios de transporte: o convenio que asinara Concello, Vitrasa e Xunta para o transporte metropolitano xa permite que as persoas non empadroadas teñan a Pass Vigo.

“So hai que aclarar a dobre interpretación que Xunta e Concello fixeron do mesmo – sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal – pero en todo caso está claro que a Xunta pagaría o 80% do custe do billete e Concello o 20%”.

Marea de Vigo pídelle ao Concello de Vigo un pouco de empatía xa que os vigueses e viguesas empregamos o transporte metropolitano por exemplo aos Concellos do Val Miñor e o transporte de ría “pagando a Xunta e os Concellos como Nigrán e Cangas as bonificacións da veciñanza viguesa sen que o seu concello poña un duro”.

Vigo, 18-02-2020. Marea de Vigo segue a considerar que o proceso de substitución da antiga tarxeta verde de transporte urbano de Vigo pola chamada Pass Vigo serviu para poñer luz sobre unha realidade que vive o transporte público urbano na nosa cidade:a evidente capacidade que ten a actual concesionaria Vitrasa e seu o grupo matriz Avanza de condicionar calquera cambio nas políticas de transporte, así como a súa particular necesidade de seguir contando cun marco tan vantaxoso como é o actual prego concesional de 25 anos que rematou o pasado ano.

Agora, tras o vergoñento espectáculo dado hai xa tres anos co “nacemento e morte” da Área Metropolitana, e as recentes pugnas xudiciais polo uso da Pass Vigo por persoas que non están censadas no noso municipio, Abel Caballero sácase da “chistera” un novo convenio que permitiría acceder ás non empadroadas en Vigo aos beneficios da tarxeta viguesa, cando, “recuperando o convenio do Transporte Metropolitano asinado entre Concello de Vigo e Xunta no 2016, onde unha parte é abonada polo Concello e outra parte pola Xunta de Galicia, evitaríase un novo esperpento e un aproveitamento oportunista de partidos políticos e alcaldes dunha situación que soamente beneficia a unha concesionaria privada como neste caso acontece con Vitrasa, e prexudica a miles de cidadáns” asevera Rubén Pérez.

“Para ter transporte metropolitano – prosigue o concelleiro – non é necesario ter unha Lei de Área Metropolitana, polo tanto, se non se poñen de acordo as administracións para facer unha Lei, pódese desenvolver o transporte sen problema, tal e como fai Santiago ou a Coruña, e xa, cando sexa o momento, se desenvolverá a devandita lei”.

Marea de Vigo tamén quere lembrarlle ao alcalde que, cando o Grupo municipal da Marea de Vigo levou ao pleno no ano 2018 unha moción para esixirlle á Xunta de Galicia a presentar de xeito inmediato un novo borrador dun convenio de transporte metropolitano para os concellos relacionados na lei de área metropolitana de Vigo ; o seu grupo, o PSOE, votou en contra.